Actuación cofinanciada con Fondos Europeos

Restauración ambiental e mellora da drenaxe no río Canedo. T.M. de Ponteareas (Pontevedra)

Descrición e datos técnicos
Situación
Ponteareas. Pontevedra
Tipo
Acondicionamento fluvial
Estado
Finalizada
Orzamento
4.000.000 euros
Financiamento
80% Fondos FEDER, 20% Deputación de Pontevedra
Prazo
18 meses
Obxectivo

O obxecto deste proxecto é mellorar a drenaxe do río Canedo no tramo comprendido entre o antigo matadoiro e a súa desembocadura no río Tea, separando as augas da canle das augas fecais, protexendo as marxes fronte a inundacións, e ordenándoas para evitar infiltracións do río na rede de saneamento, así como volver abrir a canle en todos aqueles tramos nos que discorre enterrado e é posible a súa apertura.

Descrición

As actuacións proxectadas consisten fundamentalmente na dotación dunha sección de paso abondo para o desaugadoiro dos caudais de avenida no río Canedo dende o antigo matadoiro ata a desembocadura no río Tea, independendizando o curso do Canedo da rede de augas fecais.

As actuacións proxectadas segmentáronse en sete tramos, dende augas arriba cara a augas abaixo.

Ademais das actuacións nestes ámbitos realizarase a reposición dos vestiarios do pavillón municipal, que é necesario desmontar para levar a cabo a actuación, unha nova ponte de acceso ao hipermercado existente e a inspección, reposición ou reparación do sistema de saneamento naqueles puntos en que sexa necesario.

1 -    Zona San Vicente

Nesta zona proxéctase o acondicionamento do acceso ao conxunto lavadoiro-fonte que se localiza augas arriba da ponte da R/ San Vicente sobre o río Canedo, na súa marxe dereita.

Complementariamente prevese o apantallamento visual dun muro de granito existente na devandita marxe do río, mediante a plantación de Cupressocyparis leylandii (Ciprés de Leyland), ademais de acondicionar unha zona para o estacionamento de vehículos ou bicicletas e dotación de mobiliario urbano na zona.

2 -    Zona matadoiro

Na zona onde se sitúa o matadoiro municipal prevese abrir a canle eliminando os recheos que o foron soterrando e demolendo o actual edificio do matadoiro, devolvendo aos terreos o seu carácter público.

Para a creación da nova canle, construirase unha canle de augas baixas de 2 metros de ancho e 0,75 metros de alto cuxas marxes se revestirán con dique de polo menos 500 kg Para a formación do leito fluvial, empregaranse 20 cm de area de miolo e pedra en rama. En paralelo á canle discorrerá un camiño de jabre de 2 metros de ancho.

Cada 15 metros de construirán nervios de dique na canle de augas baixas con pedras de 1.000 kg que impidan o arrastre dos materiais que forman o leito da canle.

Unha vez finalizadas as obras prevese a revexetación dos terreos afectados, así como a plantación de especies arbóreas de ribeira, co fin de conseguir a paulatina recuperación da canle fluvial. Ademais prevese a instalación de mobiliario urbano no inicio do tramo, xunto ao actual Matadoiro.

Repoñerase o acceso ao hipermercado existente, que actualmente se realiza a través do recheo, mediante unha ponte de viga artesa.

3 -    Zona muiño

Nesta zona trázase un novo camiño de jabre en paralelo á canle do río, o camiño ascende ao chegar a un muíño existente fronte ao que se sitúa unha ponte de pedra. Neste punto para salvar o desnivel existente coa zona augas abaixo construirase unha pasarela pilotada de 45 metros de longo e madeira de piñeiro coa que se dá continuidade ao camiño. Manterase na medida do posible a vexetación existente que neste tramo, tendo especial coidado de non afectar á vexetación de ribeira.

Procederase tamén á limpeza da zona do muíño e da ponte de pedra existenteistente.

4 -    Zona As Cachadas

A zona denominada de "Ás Cachadas" no presente proxecto debe o seu nome a un pequeno regueiro que procedente Das cachadas verte nesta zona ao río Canedo. Neste tramo dáse continuidade ao camiño de jabre procedente da zona do muíño.

No pasado realizáronse recheos sobre a canle natural do río nesta zona, que constituíron nalgún momento un camiño de terra provisional aínda que na actualidade se encontra moi degradado. Prevese a escavación dos recheos que formaron o camiño e a recuperación e adecuación da canle fluvial para o que se re vegetará a zona con especies autóctonas mediante un módulo de plantación de ribeira. Para poder cruzar o río dispoñerase dunha pasarela de madeira pilotada de 45 m de longo e 1,5 m de ancho.

5 -    Zona C/José Cerviño

Esta zona localízase ámbito á antiga estrada de Mondariz (C/José Cerviño).

Nela, as actuacións van encamiñadas fundamentalmente a conseguir unha sección capaz de transportar o caudal de deseño correspondente á avenida de período de retorno 500 anos. Para iso, por unha parte prevíronse medidas correctivas de eliminación de obstáculos na canle e nas zonas de servidume do río e, por outra, adoptáronse medidas preventivas de defensa fronte a inundacións.

Este ámbito de actuación dividiuse á súa vez en dúas zonas, en función da posición relativa respecto á C/José Cerviño, zona alta (situada augas arriba de J.Cerviño) e zona baixa (localizada augas abaixo de J.Cerviño).

Na zona alta proxectouse unha canle de augas baixas protexida con dique de 500 kg nas súas marxes, nunha lonxitude de 69 m. A canle de augas baixas ten 2 m de base e 0,75 m de altura, con pendente dos noiros 1H:1V, e con capacidade para desaugar o caudal de avenida de períodos de retorno comprendidos entre 2 e 10 anos.

Para conter a avenida de período de retorno 500 anos nesta zona, deseñáronse moutas laterais de contención de terra de pequena altura, cun ancho en coroación de 1 m aproximadamente e con pendente dos noiros 1H:1V, en xeral.

Aproveitando a zona inundable proxectada, previuse a instalación dunha área de xogos infantís e unha pasarela rebasable de madeira de 7 x 2 m para acceder dende a outra marxe do río. Ademais instalaranse bancos entorno á zona de xogos e unha zona de merendeiro próxima á C/José Cerviño. En toda a zona se levará a cabo unha sementeira manual e plantaranse exemplares de carballo e bidueiro.

Toda a zona comprendida entre as moutas será unha zona inundable durante as avenidas.

Augas abaixo da C/José Cerviño abrirase a canle a través do actual parque, coa mesma sección de augas baixas que a prevista no tramo augas arriba da rúa. A pendente do fondo da canle é constante e igual a 2,07% nunha lonxitude de 87 m. Conservarase o actual lavadoiro e, co fin de poder pasar a canle entre o centro de transformación e o edificio de vivendas que se localizan enfrontados á entrada do actual parque, chegando á explanada traseira do pavillón, foi necesario proxectar a construción de muros de formigón revestidos de cachotaría na zona.

6 -    Zona piscina

Esta zona é a máis próxima ao pavillón e á piscina municipal. Nela, debido á imposibilidade de abrir a canle sen derrubar a piscina ou o pavillón, proxéctase o paso do río Canedo baixo un marco de formigón armado de dimensións interiores de 3 m de ancho por 2 m de alto, nunha lonxitude de case 180 m.

Para a introdución de caixón será necesario entibar a gabia, en xeral con táboas grosas metálicas debido á anchura necesaria. Por outra parte, na zona que discorre entre a piscina e o pavillón, será necesario executar unha pantalla de microestacas do lado do pavillón, co fin de protexer a cimentación deste. Do lado da piscina (marxe esquerda) non se prevé realizar ningún tipo de sostemento do terreo, posto que existe un muro de soto duns 4 m de profundidade baixo o que non está previsto escavar.

7 -    Zona desembocadura

Nesta zona, tras atravesar o río Canedo a estrada PO-254 baixo o marco de formigón armado, proxéctase de novo unha sección aberta trapezoidal, protexida nas marxes con dique de 500 kg, de 3 m de fondo e 2 m de altura interiores, con pendente dos noiros laterais de 1H:1V. No fondo verterase area de miolo e pedra en rama nun espesor de 20 cm para a formación da canle.

Cada 15 metros de construirán nervios de dique con pedras de 1.000 kg que impidan o arrastre dos materiais que forman o leito da canle.

8 -    Vestiarios pavillón

Para introducir o caixón de formigón armado pola quella existente entre a piscina e o pavillón, é necesario demoler a parte do pavillón na que se localizan os vestiarios, ata a primeira liña de piares (uns 4 m de ancho), nunha lonxitude duns 52,2m.

Os vestiarios reconstruiranse unha vez introducido o caixón. Para iso, proxectouse unha pantalla de microestacas, que se aproveitará como cimentación dos novos vestiarios. Trátase de dúas filas de microestacas de 235 mm de diámetro con canalización de 139 x 9 mm, separados 0.4 m entre si e unidos mediante unha viga de atado de formigón armado de 1,1 m de ancho por 0,7m de alto.

Como estrutura, proxectáronse unha estrutura metálica composta por piares HEB-200, que apoian en placas de ancoraxe sobre a viga de atado da pantalla de microestacas e por IPE-200 soldados aos piares anteriores, que apoian, tamén mediante placas de ancoraxe, nos piares de formigón do pavillón.

En canto á distribución interior, conservouse a existente actualmente, agás pola creación na parte traseira de dous novos baños adaptados, aos que se accederá dende o pavillón e dende as novas pistas descubertas, a través dunha nova porta que se abrirá na parte traseira do pavillón.

Os cerramentos prevíronse en bloque de formigón de 400 x 200 x 300 mm, entre os que se intercalan panos de vidro moldeado de 200 x 200 x 80 mm, 600 mm de altura (dende 2,20 m do pavimento ata 2,80m) que deixan pasar a luz cara ao interior dos vestiarios. A cuberta proxectouse tipo sándwich, de 82 mm de espesor, con chapa de aluminio lacado de 1 mm., incluíndo caneiro e pezas de remate perimetral. As divisións interiores proxectáronse en fábrica de ladrillo oco dobre de ½ pé, agás as dos aseos, para os que se previron cabinas de taboleiro fenólico compacto, ao igual que para as portas de paso interiores.

Toda a zona de vestiarios proxectada levará falso teito rexistrable de 600 x 600 x 15 mm con perfilería vista.

26/05/2015 Recepción das obras
23/04/2015 Final das obras
23/10/2013 Comezo das obras

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.