
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), convocou esta mañá aos órganos de goberno, participación e cooperación da demarcación, -Xunta de Goberno -JG-, Comité de Autoridades Competentes -CAC- e do Consello da Auga -CAD-.
Neste encontro deuse conta da exposición pública dos documentos iniciais do 4º ciclo de Planificación Hidrolóxica; do novo Plan Especial de Seca e da necesidade do uso sostible e eficiente da auga; da evolución dos datos de ARPSIs; así como da previsión económica para 2025; entre outros asuntos de interese.
Planificación Hidrolóxica
Abriuse o período de consulta e información pública dos documentos iniciais correspondentes ao cuarto ciclo de planificación hidrolóxica 2028-2033 (cuarto desde a entrada en vigor do Directiva Marco no ano 2000 e quinto desde a aprobación do primeiro plan hidrolóxico de conca en 1998). Durante o prazo de 6 meses, entre o 21 de decembro de 2024 e o 20 de xuño de 2025, quen así o considere poderá presentar todas as propostas, observacións e suxestións que estime oportunas.
Os documentos iniciais constitúen a primeira fase de elaboración do novo proxecto de plan hidrolóxico para o ciclo 2028-2033, á que lle seguirá a finais deste ano o Esquema de Temas Importantes en materia de xestión das augas e en 2026 o proxecto de novo plan hidrolóxico, que deberá ser aprobado antes do final do ano 2027.
Estes documentos, tamén denominados programa de traballo, están conformados por unha descrición das principais actividades a realizar durante todo o proceso planificador, o calendario previsto, o estudo xeral sobre a Demarcación Hidrográfica, as fórmulas de consulta, os puntos de contacto para obter a información base, o proxecto de participación pública e a programación para a coordinación dos procesos de consulta pública do plan hidrolóxico cos da Avaliación Ambiental Estratéxica do plan.
Informe desenvolvemento e seguimento da aplicación do plan hidrolóxico do ciclo 2022-2027
En relación co estado das masas de auga, conforme á última avaliación realizada no ano 2023, 192 masas de auga superficiais alcanzan o bo estado das 287 delimitadas (un 67 %). En canto ás augas subterráneas 22 delas alcanzan o bo estado (92%) e 2 diagnosticáronse como malo (8%). O grao de avance do programa de medidas no primeiro ano de vixencia do plan é do 18 %, executándose un investimento de 82 millóns de euros no ano 2023.
Plan especial de Seca
O Consello da Auga da Demarcación (CAD), informou favorablemente a proposta de proxecto do novo plan especial de actuación en situacións de alerta e eventual seca, en cumprimento da Lei do Plan Hidrolóxico Nacional e do Regulamento da Planificación Hidrolóxica.
O proxecto de plan especial de seca tivo dous períodos de información e audiencia pública, cunha achega de 29 escritos de propostas e suxestións que inclúen 162 observacións.
O plan recolle entre outros contidos, a descrición da demarcación, a identificación de unidades territoriais de seca prolongada e escaseza conxuntural (seis), unha descrición detallada das unidades territoriais de escaseza, o rexistro de secas históricas e impacto do cambio climático, así como o Sistema de indicadores e índices de estado e as medidas para aplicar en cada escenario para atenuar as consecuencias ambientais, económicas e sociais destes fenómenos.
Incorpora a consideración de estudos nacionais (CEDEX) e internacionais (IPCC, JRC, AEMA) sobre adaptación ao cambio climático e a súa incidencia na xestión das secas.
“Este proxecto, unha vez aprobado definitivamente, constituirá o terceiro plan de seca da Demarcación” explicou o presidente, “É fundamental a colaboración de todas as Administracións e tamén da concienciación cidadá no uso sostible e eficiente do recurso” engadiu.
Avaliación Preliminar do Risco de Inundación
A proposta final da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para os tramos seleccionados como Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs), elevada ao Comité de Autoridades Competentes e aprobada, conclúe que a demarcación do Miño-Sil ten 618,99 km de ríos en zona ARPSIs, repartidos en 26 Agrupacións.
“É importante destacar que 569,23 km corresponden a ARPSIs que se manteñen iguais que no 2º ciclo; 33,84 km ARPSIs que se ampliaron respecto ao 2º ciclo; e 15,92 km ARPSIs que se propuxeron novas neste 3.er ciclo” explicou o presidente.
Información que pode ser ampliada a través da nosa web https://www.chminosil.es/es/component/content/article/80-chms/2918-informacion-publica-de-la-revision-y-actualizacion-de-la-evaluacion-preliminar-del-riesgo-de-inundacion-epri-3-ciclo
Datos económicos
Durante o exercicio 2024 prorrogáronse automaticamente os orzamentos iniciais do exercicio anterior e a falta da rendición da conta, segundo os datos provisionais obrantes no sistema de contabilidade, a execución do orzamento de gastos alcanza o 65 % do orzamento inicial, 6 puntos máis que no exercicio precedente, e 10 máis que en 2022. Polo que respecta ao orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos ascenden ao 89% da previsión inicial de ingresos.
“A día de hoxe non foron aprobados os PGE 2025, polo que desde o 1 de xaneiro prorrogáronse automaticamente os do exercicio anterior, en todo caso, a proposta de orzamento da CHMS para 2025 ascende a 52,8 mill/€, o que supón un incremento do 9,72% con respecto ao vixente 48,2 mill/€” explicou o presidente.
Polo que se refire aos ingresos, o máis destacable é que a previsión de ingresos para o exercicio 2025 prescinde das transferencias de capital da DGA, xa que se prevé que os recursos propios do organismo serán suficientes para facer fronte aos gastos.