A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente -MAGRAMA-, celebrou, na subdelegación do Goberno en Ourense, unha reunión cos alcaldes da comarca da Limia (Bande, Lobeira, Muiños, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Santos, Trasmiras e Xinzo de Limia), e co presidente da Deputación, Manuel Baltar, na que expuxeron as medidas postas en marcha e as accións futuras, tendentes a paliar o Bloom de cianobacterias no encoro das Cunchas, que poderían producirse durante a época estival.
A finais de abril, Roberto Castro e Francisco Marín avaliaron as medidas preventivas cos técnicos da Comisaría de Augas da CHMS, os das consellerías do Medio Rural e do Mar e de Sanidade, así como os de Augas de Galicia e Gas Natural Unión Fenosa e, o resultado deste encontro é o que se explicou con detalle aos alcaldes na reunión de hoxe.
A auga do encoro das Cunchas, aínda que non é utilizada para abastecemento, si pode afectar o desenvolvemento dalgunha das actividades acuáticas e turísticas nos municipios da contorna, de aí a preocupación mostrada polos seus alcaldes.
ACTUACIÓNS
Ademais dos estudos de detalle realizados coa Universidade Autónoma de Madrid e a Universidade de Santiago de Compostela, entre as actuacións que se acometerán de forma inmediata, coa intención de reducir o achegue de nutrientes, utilizarase un sistema de chans absorbentes. Tamén, para comprobar o comportamento dos devanditos chans procederase á instalación de estruturas filtrantes nas canles do río Limia e da Canle da Lagoa de Antela e, ao mesmo tempo, co ánimo de coñecer a efectividade do sistema, realizarase un seguimento mediante as correspondentes campañas analíticas.
Finalmente e a modo experimental, nas zonas de baño de Porto Quintela (Bande) e O Corgo-A Rola (Muiños), instalaranse estruturas flotantes, con cortiza de eucalipto, para crear na contorna un ambiente desfavorable á proliferación das cianobacterias e reducir así, o efecto dun posible Bloom.