As obras de unión entre os paseos do Rato e do Miño entran na súa recta final e completarán o gran cinturón verde de Lugo

  • "A obra está xa rematada a espensas de instalar as luminarias así como o mobiliraio público e de realizar o sementado con graminias dos 20.000 metros cadrados para o que é necesario agardar a ter unha climatoloxía favorable" sinalou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS
  • O alcalde, Miguel Fernández, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, destacaron esta mañá nunha visita para supervisar o avance dos traballos a maginitude desta intervención
  • "Non se trata só de unha nova senda verde con máis de duas hectareas de natureza acondicionada para o seu aproveitamento: é un xeito de entender o modelo de cidade ao que aspiramos", indicou o alcalde

As obras que permitirán unir os paseos fluviais do Rato e do Miño, e que completarán o gran cinto verde de Lugo, entran xa na súa recta final. O proxecto, resultado do convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), suporá un antes e un despois na integración do río na vida cotiá da cidade. Hoxe o alcalde, Miguel Fernández, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, supervisaron o avance dos traballos, que avanzan a bo ritmo.

O alcalde destacou o carácter estratéxico e simbólico desta actuación, que definíu como "unha obra crucial para Lugo, porque non é unha nova senda verde con máis de duas hectareas de natureza acondicionada para o seu aproveitamento: é un xeito de entender o modelo de cidade ao que aspiramos". Fernández subliñou que a conexión dos paseos do Rato e do Miño permitirá circunvalar todo o espazo fluvial urbano, converténdoo nunha ampla área de esparcemento situada aos pés da cidade, que fomenta o deporte, o sendeirismo, as actividades ao aire libre e un contacto directo coa natureza.

"Lugo é a única capital de provincia de España que é ao mesmo tempo Reserva da Biosfera, e proxectos como este demostran que apostamos por un urbanismo que convive co noso patrimonio natural. Isto é mellorar a calidade de vida hoxe e construír un futuro sostible para mañá", engadiu o rexedor quen agredeceu de novo a disposición e implicación do presidente da Confederación neste proxecto.

As obras que están a piques de concluir abranguen a preparación e o acondicionamento dunha superficie de máis de 20.000 metros cadrados, coa eliminación da vexetación en mal estado, a nivelación da plataforma e a construción dun sendeiro de dous metros de ancho con pavimento estable e seguro. Ademais, instálanse bordes de granito, sistemas de drenaxe, bancos de granito, papeleiras metálicas e iluminación mediante 17 luminarias LED. A actuación inclúe tamén unha integración ecolóxica con plantación de especies autóctonas –como carballos, freixos, abeleiras ou bidueiros–, a sementeira de céspede e a instalación de casetas-refuxio para esquíos.

Pola súa banda, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, salientou o valor da cooperación institucional que fixo posible esta intervención. "Esta obra é froito dunha cooperación leal entre administracións para actuar con responsabilidade sobre un espazo que é patrimonio natural de todos. A unión dos paseos do Miño e do Rato é un exemplo de como o traballo conxunto permite transformar o territorio e poñelo ao servizo da cidadanía", afirmou. Quiroga destacou ademais que "esta obra de culminación da unión dos paseos Rato e Miño atópase xa rematada a espensas de instlar as luminarias e o mobiliraio público e de realizar o sementado con graminias dos 20.000 metros cadrados para o que é encesario agardar a ter unha climatoloxía favorable".

Coa finalización destas obras, Lugo consolidará a continuidade dos seus paseos fluviais e reforzará o seu modelo de cidade sostible, conectada co seu entorno e pensada para mellorar o benestar da súa veciñanza. O resultado permitirá ampliar as posibilidades de uso do espazo natural urbano e fortalecerá a relación histórica da cidade co río, pechando un dos proxectos ambientais e urbanísticos máis relevantes dos últimos anos.

"A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes que melloren a calidade de vida dos veciños mirando de cara ó río, para esto é fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan" concluíu o presidente.

 

20251118 1

20251118 2

Descargar PDF

Vídeo en vista aérea

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.