A CHMS recuperará 19 km de camiños fluviais entre Ourense e Os Peares

  • Rubricado o Convenio de colaboración cos concellos de Coles e A Peroxa para achegar a Ribeira Sacra á cidade de Ourense
  • O investimento estimado supera os 750.000€; 600.000 serán sufragados polo organismo de conca; e os Concellos de Coles e A Peroxa achegarán 132.345€ e 17.655€, respectivamente, investimentos acordes ás obras para executar en cada un dos seus municipios
  • "Os traballos proxectados consisten na execución de rozas e limpeza de matogueira; reparación de tramos existentes e apertura de novas sendas; recuperación ambiental e instalación de señalética en todo o trazado; ademais das medidas de seguridade viaria que garantan unha circulación peonil segura" precisou Quiroga

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e os alcaldes de Coles, Manuel Rodriguez e A Peroxa, Manuel Seoane, rubricaron hoxe o convenio de colaboración que posibilitará actuacións de recuperación e posta en valor da rede de camiños existente desde o núcleo de Os Peares (A Peroxa) ata o núcleo de Prados (Coles).

O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións para a colaboración entre as partes outorgantes para o financiamento e execución das actuacións, establecendo o réxime da posterior entrega das obras executadas para o seu mantemento e conservación.

"Conseguirase valorizar e visibilizar as contornas fluviais que unen as provincias de Ourense e Lugo desde a Ribeira Sacra ata a capitalidade da provincia ourensá", explicou Quiroga

Antecedentes

Que o municipio de Coles está constituído por un importante número de aldeas comunicadas entre si pola calzada coñecida como "estrada Varra de Miño" e por unha serie de camiños peonís que outrora eran utilizados polos veciños para achegarse á capital. Estas sendas discorren próxima e paralelas ao río Miño e na actualidade cumpren o dobre obxectivo de garantir a comunicación entre as poboacións existentes e poñer en valor as zonas polas que discorre, asegurando o goce por parte da poboación dunha zona de elevado interese ambiental.

Na actualidade, algúns puntos desta rede de camiños presentan interrupcións do percorrido por infraestruturas que poñen en perigo a circulación dos viandantes e noutros é necesaria a execución de labores de mantemento que melloren as condicións de paso existentes, así como a execución de novos tramos necesarios para dotar de continuidade ao conxunto.

Por outra banda, no Municipio da Peroxa existe un roteiro de sendeirismo, caracterizada tanto pola súa facilidade de percorrido como pola vistosidade do seu trazado, que partindo do núcleo de Os Peares discorre por un camiño paralelo ao río Miño ata chegar á poboación de Gulgariz onde o trazado da mesma pasa a ser por calzada, ata atoparse co veciño Concello de Coles.

O estado deste percorrido atópase en mellores condicións e presenta actualmente unha continuidade en todo o seu trazado, polo que a intervención requirida é de menor alcance.

Actuacións previstas

A actuación consiste na recuperación da rede de camiños existente de maneira que se xere unha senda peonil continua, de aproximadamente 19 km, desde o núcleo de poboación de Os Peares (T.M. da Peroxa) ata o núcleo de Prados (T.M. de Coles).

"Os traballos proxectados consisten na execución de rozas e limpeza de matogueira; reparación de tramos existentes e apertura de novas sendas; recuperación ambiental e instalación de señalética en todo o trazado; ademais das medidas de seguridade viaria que garantan unha circulación peonil segura" precisou Quiroga, "Ademais, será necesario salvar o cruzamento de arroios coa execución de, polo menos, dúas pasarelas de madeira de 15 e 5 metros de luz" engadiu.

"Aproveitarase na medida o posible a rede de camiños existentes e ampliarase a plataforma das estradas locais da zona, reducindo en gran medida o impacto ambiental sobre o medio, o custo da actuación e a necesidade de terreos, ademais de contribuír á redución do prazo de execución das obras" precisou o presidente.

O investimento total necesario para a actuación estimouse 750.000, 600.000 achegará o organismo de conca,o Concello de Coles 132.345€ do custo inicialmente previsto e o da Peroxa 17.655€, investimentos acordes ás obras para executar en cada un dos seus municipios.

"Desde a CHMS queremos destacar o noso firme compromiso de colaboración entre administracións a través de proxectos que valoricen o valioso patrimonio natural e fluvial co que conta esta demarcación e, neste caso concreto, que achegue dalgunha maneira unha extensión visual á Ribeira Sacra" concluíu Quiroga.

Descargar PDF

20250729 2

 

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.