A CHMS aposta polo futuro do Regadío do Val de Lemos

La CHMS apuesta por el futuro del Regadío del Val de Lemos
  • “A finalización dun Plan Integral para o aproveitamento agronómico supón un fito na historia desta problemática que vén de antigo” explicou o presidente
  • “Os problemas detectados parten da falta de actividade agraria actual e da necesidade dunha concentración parcelaria que sustente a rendibilidade do regadío, porque non esquezamos que se hai auga hai futuro” engadiu Quiroga
  • A situación xurídica e competencial do regadío esixe a colaboración das institucións e o impulso decidido da comunidade de regadores
  • “Estamos nunha zona do noroeste de España onde hai clima, terra e auga, que ofrecen posibilidades, así pois, a Xunta de Galicia e máis concretamente a Consellería do Medio Rural, non pode seguir esquecendo por máis tempo o regadío do Val de Lemos” concluíu Quiroga

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, aposta polo futuro do regadío do Val de Lemos.

Neste sentido, o 3 de Maio de 2022 o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e o reitor da USC, Antonio López, asinaban o convenio de colaboración que permitiría redactar o “Plan integral de aproveitamento agronómico do regadío no Val de Lemos (Monforte de Lemos- Lugo)”, dando así un paso máis na evolución do devandito regadío.

Situación de partida

A idea de realizar unha obra hidráulica que permitise o regadío do val situado nesta zona do sur da provincia de Lugo remóntase a un século atrás. Neste tempo fóronse producindo diversos fitos ata chegar ao seu estado actual: a realización de estudos para o regadío (1942); a elaboración do proxecto inicial (1954); a posta en marcha do canle marxe esquerdo (1958); a realización do proxecto da presa de Vilasouto (1965); a constitución da actual comunidade de regadores (1985) e finalmente a concesión á comunidade de regadores de derivar un máximo de 21,25 hm³ de auga para regar (2006).

Estudo realizado

Na presente situación, tanto do regadío como da comunidade de regadores, a CHMS foi a única administración con interese contrastado que mantivo a acción continuada das súas competencias e dos seus recursos para conseguir que o regadío do Val de Monforte continuase vivo. Neste sentido o Plan Integral para o aproveitamento agronómico constitúese como unha aposta polo futuro sostible que contribúa a manter a idea inicial de que un regadío na zona de Monforte supón un motor económico e social para a comarca.

O traballo realizado ao longo de máis de 2 anos permitiu obter, en primeiro lugar, un diagnóstico integral da zona do regadío do Val de Lemos, que inclúe a situación actual de 215,2 km de infraestruturas de canles e acequias de regadío, a sua dixitalización e a elaboración dun Sistema de Información Xeográfica acompañado dunha base de datos espacial que contén as súas características principais. En canto á situación socio-económica mantivéronse entrevistas, reunións e un contacto permanente con máis de 30 regadores, os máis activos, que achegaron o seu coñecemento sobre a situación actual na que se atopa o regadío.

Finalmente, dada a complexidade xurídica na que se atopa esta infraestrutura e a comunidade de regadoras concesionaria, contouse co apoio dun gabinete xurídico de referencia a nivel nacional especializado na xestión de regadíos e comunidades de regadores que achegou criterio e diagnóstico legal á situación actual.
Un dos aspectos de maior importancia na xestión de todos os regadíos é contar cun censo ou listaxe detallado e actualizado de todas as parcelas e consecuentemente de todos os regadores que teñen dereito a regar as súas leiras.

A Lei de Augas en vigor establece que é competencia e obrigación da comunidade de regadores concesionaria a elaboración e mantemento do devandito censo. Dada a súa inexistencia ata a actualidade procedeuse, dentro do convenio e de acordo a un exhaustivo e estrito asesoramento xurídico, a elaborar o censo de regadores. Para o desenvolvemento técnico do mesmo utilizáronse as técnicas máis actuais de simulación de comportamento do regadío a partir da información do terreo e das infraestruturas de rega existentes. Como resultado final o regadío de Val de Monforte achega auga a 9.004 parcelas que suman unha superficie total de 2.751 hectáreas e que pertencen a 4.841 propietarios catastrais.

A fase de planificación do regadío supón a aposta polo futuro que desde a CHMS preténdese levar a cabo. Nesta etapa os principais elementos de decisión foron a opinión e alternativas propostas polos regadores; a caracterización agronómica e o potencial de aproveitamento presente e futuro das diferentes zonas; e finalmente, o estado de conservación e o custo de reparación e mantemento de canles e acequias.

Como resultado planificouse a distribución do regadío en 11 zonas que supoñen unha superficie de regadío de 3.100 hectáreas. Deste xeito, e de acordo ás diferentes alternativas de plan de cultivos propostos no plan, ás melloras nas infraestruturas de regadío planificadas e orzadas e tendo en conta a dotación de auga para o regadío do Plan Hidrolóxico da CHMS na súa proposta ata o ano 2039 de 11,69 hm³, garántese a utilización agrícola e gandeira de forma sostible desta superficie de regadío.

O futuro do regadío do Val de Lemos pasará, en primeiro lugar, por unha aposta decidida pola actividade agraria dos regadores da zona. O dispoñer de auga na época estival supuxo ao longo da historia un elemento diferencial para o desenvolvemento da agricultura, o incremento da produtividade e o consecuente aumento da rendibilidade dos agricultores.

A situación actual da gandería, especialmente a de leite, non se explicaría sen o regadío, así pois, a comunidade de regadores debe establecer a súa folla de roteiro para o futuro mantendo os cultivos máis rendibles e aqueloutros que supoñan un maior valor e xustifiquen a utilización de auga para a súa obtención. No plan finalizado tamén se elaborou un protocolo específico para atraer investidores á zona do regadío que poñan en marcha iniciativas agrarias xeradoras de emprego e actividade.

A CHMS con este traballo cumpre o seu compromiso e aposta por esta zona rural do interior de Galicia. A finalización dun Plan Integral para o aproveitamento agronómico supón un fito na historia desta problemática que vén de antigo” explicou o presidente

“Os problemas detectados parten da falta de actividade agraria actual e da necesidade dunha concentración parcelaria que sustente a rendibilidade do regadío, porque non esquezamos que se hai auga hai futuro” engadiu Quiroga. “Estamos nunha zona do noroeste de España onde hai clima, terra e auga, que ofrecen posibilidades, así pois, a Xunta de Galicia e máis concretamente a Consellería do Medio Rural, non pode seguir esquecendo por máis tempo o regadío do Val de Lemos” concluíu.

Presentación

20241030 Foto2

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.