
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Amador Díaz, alcalde do municipio ourensán de Xinzo de Limia, visitaron a zona onde deron comezo as obras de eliminación de verteduras ao río Limia, no tramo urbano da localidade, actuacións que supoñen un investimento de algo máis de 1.000.000 de euros.
As actuacións consisten na execución dun colector na marxe esquerda do río Limia entre a Avda. de Portugal e a Avda. Dous de Maio que recollerá as verteduras das vivendas situadas na devandita marxe, así como os procedentes do pavillón de deportes e piscinas municipais. Desde este punto, realizarase un cruzamento subterráneo do río Limia cara ao parque do Toural e mediante unha estación de bombeo levarán as augas residuais ata enlazar coa rede municipal de saneamento que canaliza as augas á EDAR de Xinzo de Limia.
Este colector entre a Avda de Portugal e Avda Dous de Maio, funcionará por gravidade pero, tendo en cuenta o chairo do terreo a metade do tramo, dotarase dunha estación de bombeo intermedia de augas residuais. A lonxitude total do tramo para executar é duns 1.200 ml
Finalmente, inclúese unha terceira estación de bombeo de augas residuais que parte do pozo onde antigamente vertía o matadoiro Louro -marxe dereita do río Limia antes de enlazar con marxe esquerda da Avda de Portugal- e canalízaas ata un pozo existente da rede municipal no parque da marxe dereita do río Limia e da citada Avda. de Portugal.
“As actuacións iniciadas o pasado luns 29 de abril, tiñan previsto o inicio en mes de novembro de 2023, aínda que, debido ás intensas choivas do comezo do ano hidrolóxico, a zona atopábase moi encharcada polo que se optou por suspender o inicio da execución ata que os traballos puidesen realizarse con garantía e calidade suficientes” explicou Quiroga.
“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” concluíu o presidente.