A CHMS conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente cos alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia

La CHMS conmemora  el Día Mundial del Medio Ambiente con los alumnos del CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia
  • Xornada enmarcada dentro do proxecto de educación ambiental “Gústame O Meu Río: ensíname a coidalo”, cuxo obxectivo é valorizar o coidado e respecto pola auga e achegar aos máis pequenos ao coñecemento dos leitos e a súa importancia para a vida
  • “Hoxe visitamos a potabilizadora, realizamos a terceira visita ao río Faramontaos e graduámonos como -Expertos coidadores de ríos-”, explicou unha alumna de 5º de primaria
  • “ Reimaxina, Recupera, Restaura”, lema elixido para este ano

Esta mañá os alumnos e alumnas do Ceip Rosalía de Castro de Xinzo de Limia participaron activamente no conxunto de actividades programadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) para conmemorar o Dia Mundial do Medio Ambiente.

A mañá comezou despois dunha camiñada desde o centro escolar, acompañados polos seus profesores, ás instalacións da ETAP de Xinzo de Limia nas que, a través dunha charla moi didáctica realizada por persoal de Viaqua, comprobaron de primeira man o necesario que é coidar dos nosos ríos para ter auga potable de calidade e cales son os tratamentos aos que a auga se somete para lograr potabilizala.

Para continuar coa xornada, os escolares encamiñáronse cara ao río Faramontaos, onde a CHMS explicoulles a importancia de coidar o medio ambiente e que sempre é bo momento para reimaxinar, recuperar e restaurar o danado. Tamén se lles transmitiu o seu papel actual, xa que eles forman parte dunha nova xeración que aprende a valorizar a riqueza natural da contorna na que viven e a necesidade de conservala.

Dentro do proxecto “Gústame O Meu Río: ensíname a coidalo”, esta é a terceira saída ao río para comprobar o estado do mesmo en canto a presencia de macroinvertebrados acuáticos, bosque de ribeira, vertebrados asociados ao río, a estado da auga, temperatura, ph, etc; ademais procedeuse á colocación dunha caixa niño para aves co obxectivo de responsabilizar aos pequenos do seu coidado, protección e vixilancia nas súas visitas a este leito.

O presidente do organismo dependente do MITECO, José Antonio Quiroga, acompañado da alcaldesa da localidade, Elvira Lama, participaron nestas actividades e, como recoñecemento a cada un dos alumnos e alumnas na implicación e compromiso adquirido, foron obsequiados cun carné que lles habilita como “expertos coidadores de ríos”.

“O obxectivo destas actividades de educación ambiental é aproximar aos escolares ao río e ao medio natural que os rodea a través de actividades que promovan o contacto coa contorna natural e fomenten actitudes respectuosas no consumo de auga, tentando que eses coñecementos non queden na escola, senón que formen parte das rutinas habituais nos ámbitos familiar e social” explicou o presidente.

“Desde a CHMS considérase necesario que os máis pequenos comprendan que a auga e os ecosistemas fluviais son limitados e que temos que asumir a responsabilidade e o papel do ser humano na conservación dos mesmos, valorando a auga como factor crave no sustento dos ecosistemas naturais” concluíu Quiroga.

04062021 Foto2

04062021 Foto1

04062021 Foto3

04062021 Foto4

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.