
Esta mañá os alumnos e alumnas do Ceip Rosalía de Castro de Xinzo de Limia participaron activamente no conxunto de actividades programadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) para conmemorar o Dia Mundial do Medio Ambiente.
A mañá comezou despois dunha camiñada desde o centro escolar, acompañados polos seus profesores, ás instalacións da ETAP de Xinzo de Limia nas que, a través dunha charla moi didáctica realizada por persoal de Viaqua, comprobaron de primeira man o necesario que é coidar dos nosos ríos para ter auga potable de calidade e cales son os tratamentos aos que a auga se somete para lograr potabilizala.
Para continuar coa xornada, os escolares encamiñáronse cara ao río Faramontaos, onde a CHMS explicoulles a importancia de coidar o medio ambiente e que sempre é bo momento para reimaxinar, recuperar e restaurar o danado. Tamén se lles transmitiu o seu papel actual, xa que eles forman parte dunha nova xeración que aprende a valorizar a riqueza natural da contorna na que viven e a necesidade de conservala.
Dentro do proxecto “Gústame O Meu Río: ensíname a coidalo”, esta é a terceira saída ao río para comprobar o estado do mesmo en canto a presencia de macroinvertebrados acuáticos, bosque de ribeira, vertebrados asociados ao río, a estado da auga, temperatura, ph, etc; ademais procedeuse á colocación dunha caixa niño para aves co obxectivo de responsabilizar aos pequenos do seu coidado, protección e vixilancia nas súas visitas a este leito.
O presidente do organismo dependente do MITECO, José Antonio Quiroga, acompañado da alcaldesa da localidade, Elvira Lama, participaron nestas actividades e, como recoñecemento a cada un dos alumnos e alumnas na implicación e compromiso adquirido, foron obsequiados cun carné que lles habilita como “expertos coidadores de ríos”.
“O obxectivo destas actividades de educación ambiental é aproximar aos escolares ao río e ao medio natural que os rodea a través de actividades que promovan o contacto coa contorna natural e fomenten actitudes respectuosas no consumo de auga, tentando que eses coñecementos non queden na escola, senón que formen parte das rutinas habituais nos ámbitos familiar e social” explicou o presidente.
“Desde a CHMS considérase necesario que os máis pequenos comprendan que a auga e os ecosistemas fluviais son limitados e que temos que asumir a responsabilidade e o papel do ser humano na conservación dos mesmos, valorando a auga como factor crave no sustento dos ecosistemas naturais” concluíu Quiroga.