
Para celebrar o Día Mundial da Auga e durante todo o ano, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. ( CHMS) realiza actividades de educación ambiental en distintos colexios da demarcación nas provincias do Ourense, Lugo, Pontevedra e León, a través dos proxectos “Gústame o meu río”, da curtametraxe “A Saramaganta” (A Píntega)” e da exposición itinerante “Os Ríos dás dez mil Terras”.
O obxectivo destes traballos é que os máis pequenos comprendan que a auga e os ecosistemas fluviais son limitados, incidindo na necesidade de asumir a responsabilidade e o papel do ser humano na conservación dos mesmos. Ademais, preténdese fomentar actitudes respectuosas no consumo de auga, tentando que eses coñecementos non queden na escola, senón que formen parte das rutinas habituais nos ámbitos familiar e social.
DIA MUNDIAL DA AUGA 2019
Para conmemorar o día 22 de marzo preparouse unha celebración lúdica pero educativa, fomentando a escoita activa do maior ás achegas dos máis pequenos en canto á conservación e coidado da auga e a súa contorna.
Buscamos un centro escolar próximo a un leito urbano e no que tanto a dirección e o profesorado como o alumnado mostrásense interesados coa temática. É importante destacar que un importante número de centros, ao longo dos máis de 17.500 Km2 da demarcación do Miño-Sil, cumpren estes requisitos.
Elixíronse os cursos de 3º e 4º de Primaria do CEIP Monforte de Lemos (Lugo), o acto comezou coa estrea da curtametraxe de sensibilización titulado “A Saramaganta”, que nos ensina como podemos colaborar no coidado e bo uso da auga; para continuar cunha charla sobre educación ambiental como reforzo ás pautas adquiridas no documental; finalizando coa inauguración dunha exposición itinerante, composta por 9 paneis didácticos, con información xeral da conca hidrográfica, do río e do ecosistema que o sustenta, e un ultimo panel moi concreto con “Consellos para coidar a auga e os nosos ríos”.
No desenvolvemento destas actividades, celebradas na biblioteca do CEIP Monforte de Lemos, estiveron presentes o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e o alcalde do municipio, José Tomei, quen tivo que responder a preguntas sobre a procedencia e titularidade da “auga” do río Cabe, entre outras cuestións.
“O feito de que máis de 70 escolares participen nas actividades do Día Mundial da Auga é moi importante porque somos conscientes de que esa aprendizaxe non queda na escola, os nenos son a mellor canle de comunicación e o mellor medio para conseguir un uso máis sustentable dos recursos naturais, por iso, desde a CHMS apostamos forte por proxectos educativos como complemento aos plans de estudo e queremos agradecer a implicación e colaboración dos máis pequenos e a boa acollida dos profesores e dirección dos centros” explicou Quiroga.
Outras actividades de Educación Ambiental na semana da auga: Gústame o meu río
O presidente do Organismo de conca, José Antonio Quiroga, realizou unha visita aos escolares do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas que onte se atopaban testando o río Tea, actividade incluída no proxecto “Gústame o meu río”, e puido comprobar “in situ” a implicación e colaboración dos nenos e nenas nas diferentes “Mesas da auga” .
Nesta visita, o presidente participou das inquietudes dos máis pequenos e das súas explicacións do aprendido acerca de cales son os indicadores que nos mostran a calidade da auga, como se analizan os índices físicos (temperatura, sólidos filtrables, sólidos en suspensión…), os químicos (dureza, materia orgánica, nutrientes, entre outros), ademais dos biolóxicos, e o resumo do aprendido cunha frase singular e clara “se no río hai vida a calidade da auga é boa”.
“Estas actividades están programadas para os cursos 2018-2019 e 2019-2020 e participarán preto de 1000 escolares de distintos puntos da demarcación hidrográfica”, explicou Quiroga
“Queremos conseguir que os nenos comprendan que os recursos naturais, como a auga e os ecosistemas que os sustentan, son limitados e que todos deberiamos de asumir a responsabilidade individual de conservación dos mesmos, fomentando actitudes respectuosas co medio ambiente e co consumo de auga”, matizou o presidente.