A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente recibiu esta mañá a unha vintena de alumnos do IES Daviña Rei de Monforte de Lemos que están a traballar nun proxecto interdisciplinar sobre ríos e auga.
Este centro mostrou o seu interese en coñecer de primeira man como se recollen os datos de aforamento dalgún río próximo ao seu lugar de residencia - Cabe, Miño ou Sil- e a súa interpretación para incorporalo ás actividades do seu proxecto. Neste sentido, este organismo ofreceulles a posibilidade de recibilos no Centro de Control de Conca ( CECU) e nunha estación de recepción e control de datos para explicarlles o funcionamento e manexo de ambas as instalacións.
Visita ao CECU
Durante a visita ao CECU, os alumnos puideron comprobar como se reciben, vía satélite, case en tempo real e cunha frecuencia cincominutal, os valores das diferentes variables hidro-meteorolóxicas e de calidade das augas medidas polas distintas estacións de control dos sistemas automáticos SAIH e SAICA, repartidas por toda a conca hidrográfica.
Para terminar a visita ao CECU o Xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica explicou aos alumnos como se xestionan os distintos períodos de inundacións que se producen no 17.600 km2 que abarca aproximadamente o territorio da Demarcación, e como se activan os protocolos de actuación, que inclúen as alertas aos distintos organismos competentes en materia de seguridade e protección civil.
Visita á Estación SAIH- SAICA no Miño (Ourense)
Posteriormente, acudiron á estación de control do Sistema Automático de Información Hidrolóxica e de Calidade das Augas ( SAIH- SAICA) situada na marxe de esquerda do río Miño, augas abaixo do encoro de Velle, onde puideron comprobar in- situ o seu funcionamento.
Nesta estación revisaron as medicións de caudal, nivel, temperatura, radiación, velocidade do vento, ademais dos distintos parámetros de calidade das augas analizados en continuo polas diferentes sondas e analizadores automáticos, que miden o pH, condutividade, amonio, temperatura da auga, turbidez e o osíxeno disolto; e explicouse o procedemento de como estes son enviados, case de forma instantánea, ao CECU do organismo conca para o seu estudo, interpretación e difusión.