A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. (CHMSOA), dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, e o Concello de Ourense continuarán, 5 quilómetros, o carreiro peonil que discorre pola marxe dereita do Miño entre Outariz e a N-120 en Ourense.
Esta mañá Francisco Marín, presidente do Organismo de conca, e Jesús Vázquez, alcalde da capital, rubricaron o Protocolo que ten por obxecto establecer o marco de colaboración, para o financiamento, posta a disposición dos terreos e execución das obras.
Proxecto
Na actualidade existe un carreiro peonil que discorre por ambas as marxes do río Miño na contorna da pasarela peonil de Outariz, no termo municipal de Ourense, conectando as distintas instalacións lúdico-deportivas da zona e xerando un itinerario fluvial de gran lonxitude ata a cidade.
O paseo non presenta total continuidade augas abaixo da citada pasarela, nin na marxe esquerda do río, onde a orografía e a presenza da estrada OU-402 impídeno, nin na dereita, onde existen varios tramos inconexos que permitirían prolongalo uns 5 quilómetros, ata a N-120.
Para iso é necesaria a execución de obras de acondicionamento e mellora do paseo, incluíndo a expropiación de parte dos terreos que atravesa, movementos de terras, a construción de varias pasarelas de madeira de pequenas dimensións, obras de drenaxe, firmes, sinalización, mobiliario, etc.
O investimento total necesario sería de 500.000 € que se financiarían con cargo a fondos propios do organismo de conca -en función das súas dispoñibilidades orzamentarias e financeiras- e do Concello de Ourense, ao 50%.
"Redactaremos o proxecto técnico para coñecer con exactitude as actuacións necesarias e o orzamento de execución e someterase a exposición pública, como paso previo á firma do Convenio definitivo", explicou Francisco Marín, presidente do Organismo de conca.
"A colaboración co Concello de Ourense, como aliado estratéxico, é clave para optimizar os recursos dispoñibles e para dar ao cidadán un servizo público responsable e de calidade", concluíu Francisco Marín