
O obxecto do proxecto é mellorar a calidade da auga do río Xares para cumprir cos obxectivos ambientais que establece a normativa
Executarase un humidal artificial que mellorará o tratamento dos caudais efluentes antes da súa incorporación ao río e substituirase o decantador digestor que, actualmente, invade o DPH
Os gastos serán sufragados ao 50%, entre o organismo de conca e a Deputación Provincial e o concello porá a disposición os terreos necesarios para a execución da obra
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), formalizou esta mañá o protocolo de colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Petín para o financiamento e execución do proxecto de mellora do tratamento das augas residuais do núcleo de Portomourisco, T.M. de Petín (Ourense).
O acto de firma foi celebrado esta mañá no Centro Cultural Marcos Varcalcel de Ourense e rubricado polo presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, o presidente de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Petín, Miguel Bautista.
O investimento previsto ascende a 55.000 euros, sudragados ao 50% entre a Deputación Provincial e a Confederación do Miño-Sil. Pola súa banda, o concello será o encargado de pór a disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.
O PROXECTO
O obxecto da actuación é a mellora do tratamento das augas residuais do núcleo de Portomourisco, que conta actualmente cun sistema de saneamento mediante un decantador digestor, cuxo funcionamento é deficiente e está a invadir o dominio público hidráulico (DPH)
Para dar solución á problemática detectada, proxectouse a execución dun humidal artificial, conseguindo así o tratamento suficiente dos caudais efluentes antes da súa incorporación ao río, e cuxo mantemento sexa sustentable para a pequena economía local.
"O noso obxectivo, por unha banda, é mellorar a depuración das augas residuais deste pequeno núcleo de poboación, a través dun humidal artificial, e por outra, restaurar o DPH , eliminando a fosa existente que invade a canle, todo iso co obxectivo de mellorar a calidade das augas do río Xarés e dar cumprimento aos obxectivos ambientais que establece a Directiva Marco da auga e a súa trasposición ao noso ordenamento xurídico" concluíu Francisco Marín, presidente da CHMS.