
As dúas administracións traballan para que o ano 2015 o rio Sil, o Miño e o Barbaña teñan unha mellora na calidade das súas augas con actuacións moi relevantes en Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao dás Viñas e O Barco
Os plans hidrolóxicos das demarcacións Hidrográficas de Galicia -Costa e do Miño-Sil xa están aprobados e en vigor, o que significa que un 98% da poboación galega xa conta cunha planificación adaptada á Directiva Marco da Auga
A Xunta de Galicia e o Estado traballan coordinados na que se refiren ás xestións das súas correspondentes concas hidrográficas, de modo que non se contradigan os criterios de actuación
O Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, e o Conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantiveron esta mañá un encontro de traballo onde abordaron a situación das obras que a Administración Estatal, está a levar a cabo na provincia de Ourense, cofinanciadas pola Xunta de Galicia.
Ambos os dous coincidiron no esforzo e compromiso das administracións con estas actuacións, que suman un importe de máis de 55,5 millóns de euros, dos cales a Xunta achega máis de 11,2 millóns de euros.
Os dous responsables das infraestruturas hidrográficas de Galicia destacaron que a Xunta e o Estado se encontran nun momento de intensa colaboración para, nunha época de escasos recursos, traballar de xeito conxunto e de forma coordinada en cuestións primordiais.
Na provincia de Ourense as dúas administracións traballan para que o ano 2015 o rio Sil, o Miño e o Barbaña teñan unha mellora na calidade das súas augas con actuacións moi relevantes na nova EDAR de Ourense, nos proxectos de saneamento de Pereiro de Aguiar e San Cibrao dás Viñas e na mellora da EDAR do Barco.
Pereiro de Aguiar
Outra das cuestións abordadas durante o encontro foi a mellora do saneamento de Pereiro de Aguiar, unha actuación autorizada polo Conselo da Xunta o 4 de abril, co obxectivo de incrementar a capacidade de tratamento da EDAR de Pereiro de Aguiar e acometer a remodelación da rede de saneamento existente.
Deste xeito sepáranse as augas residuais urbanas dos residuais industriais, e poderán tratarse independentemente garantindo así os estándares de calidade esixidos polo medio receptor. A achega da Xunta de Galicia ascende a algo máis de 300.000 euros para unha actuación de 1,5 millóns de euros.
San Cibrao
O Conselo da Xunta tamén autorizou o pasado 2 de maio o convenio para a mellora do saneamento da EDAR de San Cibrao. Con este proxecto mellóranse as actuais infraestruturas de saneamento e depuración que dan servizo ao Parque Empresarial de San Cibrao dás Viñas e os núcleos de poboación situados nas súas inmediacións, ao mesmo tempo que se minimizan as verteduras ao río Barbaña, para así garantir a súa recuperación e bo estado ecolóxico. Trátase dunha actuación que implica un investimento de 3,7 millóns de euros, dos que a Xunta achega algo máis de 700.000 mil euros.
Na EDAR detéctanse actualmente importantes problemas de filtracións e excesiva afluencia de pluviais, así como puntas de contaminación industrial. Estas circunstancias supoñen un grave risco debido á inhibición dos procesos biolóxicos, ademais de incumprimentos de calidade no efluente da EDAR.
O Barco de Valdeorras
Nunha situación similar encóntrase a EDAR do Barco de Valdeorras, que presenta importantes problemas de funcionamento e non é capaz de depurar toda a carga contaminante que lle chega. Polo tanto, é necesario a súa ampliación e mellora, a través dunha actuación que permita aumentar a súa capacidade de tratamento mediante obras, como o novo desareado-desengraxado, mellora no reactor biolóxico existente, reparación de problemas estruturais, nova aireación, e variadores de frecuencia para recirculación, un novo decantador secundario, a execución dun tanque anaerobio para a eliminación biolóxica do fósforo e unha nova automatización da EDAR.
Plans Hidrolóxicos
Por outro lado, tanto Hernández coma Marín destacaron que a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio traballan coordinados no que se refire ás xestións das súas correspondentes concas hidrográficas, de modo que non se contradigan os criterios de actuación.
Así coma os Plans Hidrolóxicos das Demarcacións Hidrográficas de Miño-Sil e Galicia-Costa xa están aprobados e en vigor, o que se significa que un 98% da poboación galega xa conta cunha planificación adaptada á Directiva Marco da Auga que determina o estado dos ríos e augas costeiras, as medidas que se van tomar para a mellora da calidade das augas que estean en mal estado, e a normativa para protexer aquelas que estean en bo estado.