Con estas actuacións quedará solucionado o problema de abastecemento dos núcleos de Vilasouto e Calvos, que non dispoñían de conexión á rede municipal
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), iniciou hoxe as obras de emerxencia que solucionasen os problemas de abastecemento aos habitantes dos núcleos de Vilasouto e Calvos, pertencentes ao concello do Incio.
As obras consistirán na conexión á rede municipal dos núcleos que se abastecían directamente do encoro de Vilasouto, con auga non sometida a tratamento. Esta conexión realizarase a través do depósito regulador situado na parroquia de Goo, do que partirá a arteria principal, e se instalará unha toma de auga controlada con válvula de comporta.
Para iso utilizaranse canalizacións de conexión de 63 mm de diámetro dende o depósito de Goo ata o depósito regulador de Vilasouto, cunha lonxitude total de 6.790 m, de aí sairán as redes internas de canalización de 50 mm a través das que se dará servizo a ambos os dous núcleos de poboación - Vilasouto e Calvos-
Á finalización dos traballos procederase ao arranxo do pavimento nas zonas de cruzamento da arteria cos viais existentes e repoñeranse os servizos afectados.
Estímase que estas actuacións finalizarán no mes de xullo.