A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vixía a auga de Vilasouto e continúa coas propostas formuladas ao Concello do Incio para solucionar o problema de abastecemento

A CHMS recorda á autoridade municipal que a auga que chega aos veciños ha de ser potable

O concello asume as súas competencias e toma conciencia de que a auga non é potable e se compromete, por escrito, a que non será utilizada para consumo humano
 
O servizo será mantido, polo momento, nas poboacións de Vilasouto e Calvos xa que non dispoñen de alternativa de subministración

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), controla a calidade da auga do encoro de Vilasouto e ofrece ao Concello do Incio solucións para que a subministración de auga aos seus veciños non poña en risco a saúde.

O Organismo de conca iniciou xestións co Concello hai máis de 9 meses co ánimo de que a auga afectada polos episodios de cianobacterias detectadas no encoro de Vilasouto, que abastece aos núcleos de Vila Regüenga (Eirexalba), Laiosa, Vilasouto e Calvos, conte coa depuración adecuada para cumprir cos parámetros que determinan a calidade óptima para o consumo humano.
 
"A CHMS non quere cortar a auga, pero si quere recordar á autoridade municipal que a calidade da auga subministrada aos veciños ha de ser potable", indica o presidente da Confederación Hidrográfica (Francisco Marín).
 
Aínda que o abastecemento a poboacións é unha competencia municipal, dende un primeiro momento a CHMS púxose a disposición da alcaldesa e ofreceulle a construción dunha ETAP -estación de tratamento de auga potable- que garantira a calidade da auga, se ben dende Alcaldía se desbotou esta solución xa que consideraban que era máis beneficiosa a conexión destes pequenos núcleos á traída municipal.
 
Este Organismo non pretendeu en ningún momento impoñer a súa vontade e, por iso, a esta opción presentada polo Concello tamén ofreceuse a colaborar, xa que o único importante é garantir que a calidade da auga subministrada aos veciños sexa potable.
 
Neste sentido, o organismo de conca púxose a disposición do Concello para levar a cabo unha reunión técnica na que se valorará o proxecto de execución dunha nova traída de auga para Vilasouto, así como as posibilidades de financiamento.
 
"Polo momento manteremos o servizo nas poboacións de Vilasouto e Calvos, para non causar prexuízos aos cidadáns que non teñan outra alternativa de subministración, se ben, tal e como transmitimos ao Concello, a auga non deberá de ser utilizada para consumo humano, aínda que si para outros usos domésticos. Por outra parte, se detectamos niveis inadmisibles de toxicidade nas analíticas periódicas, preservaremos a saúde dos veciños, procedendo ao corte total da subministración", conclúe Marín.
 

 

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.