O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil -CHMS- e o subdelegado do Goberno en Lugo visitan o Concello de Guitiriz

Os problemas co abastecemento e un proxecto de acondicionamento e restauración de marxes foron os temas claves que se trataron neste encontro

Proximidade e colaboración cos concellos, obxectivos principais desta etapa

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil -CHMS-, organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, Francisco Marín, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Guitiriz, acompañado polo subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo.

 
No concello de Guitiriz, Ramón Carballo e Francisco Marín foron recibidos polo alcalde, Xosé María Teixido Núñez. Durante o encontro, Marín formuloulle ao rexedor a necesidade de regularizar as concesións de caudais para o abastecemento de auga ao municipio. "Como acontece noutros concellos da conca, é un tema pendente de resolver dende hai anos, e que consideramos prioritario", explica Marín.
 
Por outra parte, o presidente da CHMS manifestou a vontade do Organismo na axuda e colaboración cos concellos da conca co ánimo de resolver os trámites con axilidade e concretando ben os problemas para facilitar a resolución destes. "Se ao final desta etapa os concellos nos perciben próximos e colaboradores sería a consecución dunha das nosas metas", indica Marín.
 
Marín e Carballo interesáronse tamén polo estado das marxes do río Parga co fin de incluílas nun proxecto que está a elaborar o Organismo de conca, co que se pretende evitar futuras avenidas e desbordamentos. O obxecto deste proxecto é acondicionar as marxes e estabilizar os noiros debilitados pola auga e o paso do tempo. Estas actuacións prevense comezar durante o primeiro trimestre do ano 2013.

 

 

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.