O Consello Nacional da Auga informa favorablemente, por proposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), os plans hidrolóxicos de cinco demarcacións hidrográficas, dando así luz verde aos plans das concas de Galicia-Costa, Miño-Sil, Tinto-Odiel, Guadalete-Barbate e as Concas Mediterráneas Andaluzas.
O Ministro, Miguel Arias Cañete, presidiu o Consello Nacional da Auga, órgano asesor do Goberno nesta materia no que están representados a Administración Xeral do Estado, as Comunidades Autónomas, os entes locais, os organismos de conca, as organizacións profesionais e económicas relacionadas cos distintos usos da auga, as organizacións sindicais e empresariais e as entidades sen ánimo de lucro estatais.
Arias Cañete congratulouse da aprobación destes cinco novos plans hidrolóxicos, "cumprindo co noso compromiso coa Comisión Europea e coa cidadanía para avanzar na finalización do proceso de planificación hidrolóxica en todas as demarcacións, impulsando a coordinación de todos os intereses territoriais e en prol de consolidar o relevante papel de España no ámbito da xestión da auga en Europa, como país pioneiro na implantación da xestión por concas hidrográficas,".
O Ministro recordou que o obxectivo é aprobar os plans de conca das demarcacións competencia do Estado (intercomunitarias) en 2013 -inicialmente debían estar aprobados en 2009-, e impulsar que nese prazo se aprobe o maior número dos plans das concas intracomunitarias (de competencia autonómica), de acordo coa Directiva Marco da Auga.
Todos os plans hidrolóxicos han de ser aprobados por Real Decreto polo Goberno, tras o informe preceptivo do Consello Nacional da Auga.
O Conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que asistiu como membro nato deste Consello Nacional da Auga, afirmou que, co informe favorable do Consello Nacional da Auga aos plans Hidrológicos de Galicia-Costa e Miño-Sil "estamos a dar un paso fundamental na programación hidráulica en Galicia e posibilitando que o 98% da poboación galega conte cun plan destas características".
BACIA MIÑO-SIL
No proceso de elaboración do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil foi fundamental a participación pública para facilitar e garantir a subministración de información en relación co proceso de planificación. Para iso utilizáronse diferentes ferramentas como a páxina web do Organismo, a realización de publicacións divulgativas, cuestionarios web, notas de prensa e actuacións de información pública organizadas en colaboración con outras entidades. Importantes foron as xornadas de participación pública e mesas sectoriais. Invitouse expresamente a participar nestas a numerosas entidades, incorporándose aquelas propostas que, unha vez valoradas, melloraron o Plan.
Por outro lado, tras a consulta pública preceptiva -6 meses- analizáronse as alegacións recibidas -máis de 600 comentarios e suxestións- integrándose aproximadamente un 30% delas.
PROGRAMA DE MEDIDAS
Para conseguir os obxectivos ambientais, o Plan conta cun programa de medidas que inclúen actuacións a realizar ata o 2015, así como as previsións de execución de medidas para anos sucesivos.
A pesar do actual escenario económico entendemos que son cifras realistas, xa que se fixo un grande esforzo por parte das Administracións presentes no Comité de Autoridades Competentes, en incluír só aquelas medidas cun compromiso presupostario firme. É de agradecer a colaboración permanente, e o esforzo de información prestado por todas as Administracións que integran o devandito Comité, sen cuxa colaboración e participación activa, este proxecto de plan non sería posible.
Tamén neste Plan, de acordo co que recolle a normativa vixente, estableceuse un réxime de caudais ambientais, onde se propoñen uns valores en réxime natural para todas as masas de auga. Os devanditos valores e metodoloxías de cálculo déronse a coñecer a todos os interesados, organizacións ambientais, comunidades de regadores, xestores hidroeléctricos, comunidade científica, etc. Simultáneamente, foise desenvolvendo un proceso de concertación que ten en conta os usos e demandas actualmente existentes e o seu réxime concesional. O obxectivo deste proceso de concertación é compatibilizar os dereitos establecidos ao uso da auga co réxime de caudais ambientais para así facer posible a súa implantación.
INTEGRACIÓN PLANS SECTORIAIS
Este proxecto incorpora tamén, no seu borrador normativo, outra Disposición Adicional sobre a integración da protección do medio hídrico no resto de políticas sectoriais dentro do ámbito da demarcación, todo iso co obxectivo ambiental que emana do espírito e a letra da Directiva Marco da Auga de alcanzar un nivel elevado de protección e mellora da calidade do medio acuático.
PLAN ÚNICO INTERNACIONAL
Está convocada, para o día 5 de xullo, a reunión de constitución da Comisión de Planificación Hidrolóxica e Participación Ciudadana, na que se abordará o programa e calendario de traballo preliminar para a elaboración dun único Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica internacional Miño-Sil e Limia do seguinte ciclo de planificación 2015-2021, tal e como establece o artigo 13 da Directiva Marco da Auga e que se plasmou na Declaración Conxunta do XXV Cumio hispano-portuguesa celebrada en Porto en maio deste ano, no que os dous Gobernos acordaron elaborar de forma conxunta a nova xeración de Plan de Xestión de Demarcación Hidrográfica internacional para as concas compartidas, estamos obrigados a promover a partir deste momento a elaboración de estudos e proxectos conxuntos, e así conseguir que o 2º ciclo de planificación este aprobado para decembro de 2015, tal como establece o calendario da Directiva Marco da Auga.