
A actuación, cun investimento total de 1,8 millóns de euros, mellorará as súas condicións de explotación aumentando a súa capacidade para abordar o tratamento dos caudais e cargas contaminantes que recibe
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ampliará e mellorará a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Barco de Valdeorras (Ourense), co fin de mellorar as súas condicións de explotación aumentando a súa capacidade para abordar o tratamento dos caudais e cargas contaminantes que recibe.
O Ministerio, a través do seu organismo de conca, achegará un 65% dos 1,8 millóns de euros do investimento total previsto, a través de Fondos FEDER. Mentres, o Concello do Barco de Valdeorras asumirá o 35% restante do presuposto fixado.
A Confederación Hidrográfica do Ministerio asinará en breve o convenio de colaboración co Concello para acometer esta actuación e, posteriormente, procederase á contratación do proxecto de construción.
As actuacións que se levarán a cabo consisten, basicamente, nunha mellora xeral do sistema de control da instalación e do seu equipamento eléctrico, así como a execución dun novo pretratamento, substituíndo o actual, que permita tratar o caudal máximo en tempo de chuvia.
A estación depuradora tamén mellorará e reforzará o reactor biolóxico existente dotándoo dun novo sistema de aireación, e ampliarase a decantación secundaria coa construción dun novo decantador. Tamén se prevé a execución dun depósito anaerobio que posibilite a eliminación biolóxica de fósforo.
O Concello de O Barco de Valdeorras realizará as xestións de cesión dos terreos para a execución destas obras.