
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Organismo Autónomo dependente do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente -MAGRAMA- e o Concello de Ponferrada, asinan o Convenio de Cesión da Pasarela que une o Monte de Pajariel co Barrio da Estación de Ponferrada; a partir deste momento será o Concello o encargado do seu mantemento e conservación.
No encontro, celebrado nas oficinas de Bárcena, Carlos López Riesco e Francisco Marín trataron varios temas importantes para ambas as administracións, entre eles, o de retomar o proxecto de encanamento das marxes do Sil desde a contorna do Gericol (zona do Parque do Amorne, onde chegou a actuación anterior) até Toral, mantendo o obxectivo de chegar no futuro a Dehesas. A idea de ambas as administracións é compasar a execución do proxecto ás posibilidades orzamentarias, realizándose en varias fases xa que a situación económica tampouco permitirá ir ao ritmo que sería desexable.
Trataríase de priorizar unha primeira fase até a ponte Toral de Merayo, incluíndo na obra a resolución definitiva deste acceso á pedanía ponferradina. O alcalde, Carlos López Riesco, puxo de relevo a importancia de incluír na acción esta mellora xa que é unha necesidade vital para Toral que facilitará a súa comunicación co resto do municipio e dotará de rapidez e seguridade a condutores e viandantes.
Esta actuación faríase cun Convenio a tres bandas no que participarían Confederación, Concello e Xunta de Castela e León. En próximas reunións perfilarase o proxecto e o financiamento.
Por último, Marín e Riesco, aproveitando que na reunión estivo presente, Juan Elicio Fierro, Presidente da Mancomunidade de Saneamento do Bierzo Baixo, trataron o tema do funcionamento da EDAR de Villadepalos.