O Secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, mantivo hoxe unha reunión cos titulares das nove Confederacións Hidrográficas para coordinar a nova planificación hidrolóxica nacional, no primeiro encontro celebrado dende a toma de posesión dos responsables das demarcacións hidrográficas.
A nova planificación hidrolóxica do Ministerio persegue o obxectivo de lograr unha xestión unificada e coordinada da auga, coa prioridade de garantir a súa subministración en cantidade e calidade abondo en todo o territorio nacional.
O Secretario de Estado, acompañado do director xeral da Auga, Juan Urbano, trasladou aos presidentes das Confederacións Hidrográficas a necesidade de entender a subministración de auga dun modo integral, considerando tanto as necesidades humanas coma as propias do mantemento dos ecosistemas ligados á auga.
Así mesmo, Ramos fíxoos partícipes de que a nova estrutura de xestión e decisión entre a Dirección da Auga e as Confederacións Hidrográficas, máis coordinada, redundará nunha axilización dos plans de conca, cuxa conclusión está prevista para 2013.
No encontro estiveron presentes, xunto ao Secretario de Estado e o director xeral da Auga, os presidentes das Confederacións Hidrográficas do Norte (Ramón Álvarez), do Miño-Sil (Francisco Marín), do Douro (José Valín), do Texo (Miguel Antolín), do Guadiana (José Díaz), do Guadalquivir (Manuel Romero), do Ebro (Xavier de Pedro), do Segura (Miguel Ángel Ródenas) e do Xúquer (María Ángeles Ureña).