José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o alcalde de Taboada (Lugo), Roi Rigueira, rubricaron esta mañá o Convenio de colaboración que posibilitará a execución de importantes melloras no saneamento do municipio.
O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións para a colaboración entre as partes outorgantes en canto ao financiamento e execución das obras de mellora do saneamento en Taboada (Lugo) e o réxime da posterior entrega das obras que se executen, para o mantemento e conservación das mesmas.
Problemática actual
No sistema de saneamento de Taboada detectouse unha dobre problemática, por unha banda, existe un sector da rede, rúas da Academia e das Anduriñas, non conectado á EDAR municipal, senón a unha fosa séptica situada na contorna da Puricela, cuxa capacidade se atopa desbordada pola incorporación de novas edificacións, xerando vertidos de augas residuais sen tratar ao rego de Moreda.
Por outra banda, o funcionamento deficiente da EDAR debido á entrada de excesivo caudal de infiltración e pola localización do punto de vertedura autorizada cara a unha canle de escasa entidade, provoca verteduras recorrentes que incumpren os parámetros autorizados.
Actuacións necesarias
Execución das actuacións necesarias para mellorar o sector da rede de saneamento mencionado, desconectando as augas residuais da fosa séptica existente e conectándoas á rede que vai á actual EDAR de Taboada, evitando desta forma as verteduras de augas residuais ao rego de Moreda.
Por outra banda, melloraranse as condicións de vertedura da EDAR, trasladando o punto de vertedura a unha canle de maior entidade como é o rego de Moreda, de forma que se garanta o cumprimento das normas de calidade de vertedura ao medio receptor.
"Estas actuacións mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais afectados polas deficiencias do saneamento actual" ha explicado o presidente.
"A colaboración entre Administracións é clave para avanzar en proxectos que melloren e preserven o medio ambiente, para un desenvolvemento máis sostible", concluíu Quiroga.
Investimento
O investimento total necesario para a actuación estimouse en 1.400.000 € que serán sufragados nun 95% pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o 5% restante polo Concello.

