
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Antonio Puga, alcalde de Celanova, visitan a senda fluvial executada pola CHMS na contorna do río Sampil.
Proxecto
Construíuse un paseo fluvial polas marxes do río Sampil, ao sueste do núcleo de Celanova, estando delimitada augas arriba pola rúa Ermida (OU-540 / OU-531) e augas abaixo polo camiño de servizo da estrada de Mourillós (AG-31), na zona de expansión do centro urbano de Celanova.
O tramo executado ten unha lonxitude aproximada duns 1.320 metros lineais, iniciando o seu percorrido pola marxe esquerda do leito, alternándose o seu trazado por unha marxe ou outra en función das características e dispoñibilidade do terreo e remátase, tamén pola marxe esquerda, no camiño de servizo da estrada de ligazón coa autovía AG-31.
A senda consta de dous tramos diferenciados que non puideron enlazarse por atoparnos coa muralla do mosteiro de Celanova; o primeiro tramo parte da C/Ermida pola marxe esquerda do rio Sampil crúzao mediante pasarela e volve mediante carreiro existente ás beirarrúas da estrada OU-531; o segundo tramo parte da estrada de baixada da Estación de Autobuses rematando no camiño de servizo do acceso á AG-31.
Executáronse as zonas máis chairas da senda en pavimento terrizo, e as máis complexas, como en zonas con desniveis e terreos fangosos, mediante a instalación dun paseo pilotado de madeira. Executáronse varios pasos sobre o río Sampil para cambiar de marxe a senda.
O inicio das obras foi en setembro de 2024 rematándose en marzo de 2025, actuacións que supuxeron un investimento de 691.000 €.
“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar os nosos leitos e polo tanto a calidade de vida dos veciños; sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” concluíu o presidente.