A nova titular da Vicepresidencia terceira do Goberno e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), Sara Aagesen, recibiu este luns a carteira de mans da súa predecesora, Teresa Ribera, no mesmo día en que o Boletín Oficial do Estado recolleu o seu nomeamento como vicepresidenta e ministra.
Na súa primeira intervención no cargo, Aagesen destacou a importancia da ciencia na loita contra o cambio climático: “Hai que respectar ás entidades científicas, porque nos protexen”. “Este ano Copernicus advertiunos de dúas cuestións especialmente importantes: superamos por primeira vez na historia o limiar de 1,5ºC incorporado no Acordo de París e bateuse o récord de temperatura media da superficie do Mar Mediterráneo, o que se traduce en eventos meteorolóxicos máis intensos”, lembrou. Por iso, sinalou a vicepresidenta, e dada a especial vulnerabilidade do noso país, “necesitamos transformarnos de maneira fundamental. As políticas de adaptación ao cambio climático son parte desta transformación”.
Nun acto no que non quixo esquecerse dos damnificados da DANA, Aagesen subliñou que entre as tarefas que ten por diante na súa nova etapa á fronte do MITECO destacan “unha maior protección das zonas inundables, unha adaptación dos nosos sistemas hídricos a escenarios de seca cada vez máis longos, e protexer a nosa saúde de temperaturas que van en aumento”.
“Son unha firme defensora de que esta transformación é unha oportunidade para o noso país”, explicou. “Non é casualidade que a primeira economía europea en conseguir o 50% de xeración renovable sexa a mesma que duplica o crecemento económico medio da OCDE ou, practicamente, multiplica por catro o crecemento da Unión Europea. Iso é España”, defendeu. Unha construción que, subliñou, “ten que vir da man dunha sociedade moito máis xusta”.
Aagesen tamén quixo dedicar unhas palabras á súa predecesora. “Protagonizou a maior transformación de país, e non só a española, tamén a europea. Conseguiu fitos inalcanzables e loitou por iso”. “Ese traballo que puxeches en marcha, que eu aspiro a continuar, faime pensar que tiven moita sorte por traballar estes anos ao teu lado e agora penso que todos os europeos temos unha sorte tremenda por contar con Teresa Ribera en Bruxelas”, dixo.
Pola súa banda, Ribera destacou de Aagesen a súa “gran capacidade de traballo, fortes conviccións e gran carácter”. “Ten capacidade para manter sempre a mente aberta e despexada, procurando preservar a visión de conxunto, cunha enorme sensibilidade social, unha intelixencia aguda, alimentada sempre polo seu afán de coñecer máis e mellor, por atopar a resposta máis adecuada a cada problema”, apuntou.