Finalizadas as obras de prolongación da senda do Badella no municipio ourensán de Bande

Finalizadas las obras de prolongación de la senda del Badella en el municipio ourensano de Bande
  • O investimento final supera os 278.000 euros, sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante pola Deputación de Ourense, a Administración Local ocupouse de poñer ao dispor os terreos necesarios para a execución
  • “Cada Administración, no marco das súas competencias, ten o deber de valorizar, de potenciar e de conservar a riqueza ambiental presente no territorio, así como de fomentar un desenvolvemento máis sostible”, explicou Quiroga

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Luis Menor, presidente da Deputación Provincial de Ourense e Sandra Quintas, alcaldesa de Bande, visitan as obras de prolongación da senda do río Badella ao seu paso polo municipio ourensán de Bande, executadas polo Organismo de conca e xa finalizadas.

O investimento final supera os 278.000 euros, sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante pola Deputación de Ourense, pola súa banda, a Administración Local foi a encargada de poñer ao dispor os terreos necesarios para a execución.

O proxecto

As obras consisten na prolongación do sendeiro fluvial, nunha lonxitude aproximada de 800 metros, así como na limpeza do río e tratamento silvícola da vexetación de ribeira, ao longo da marxe do río Badella.

Este novo tramo de sendeiro, que poderá ser compartido por peóns e ciclistas, discorre desde a pista forestal próxima á estrada OU-540 ata as proximidades do Pavillón de Deportes, nunha zona moi próxima ao núcleo urbano onde existe un pontón para cruzar o río.

Executouse o movemento de terras necesario para a implantación das sendas peonís, consistentes na retirada de capa vexetal, explanación, caixeado para a colocación das capas de pavimento e compactación da rasante e caixeáronse máis de 50cm de terreo baixo o pavimento da senda para a colocación de “cachote” ou pedra en rama, que dota de consistencia ao terreo e facilita a drenaxe transversal da ribeira.

O firme do camiño compactouse con material terrizo dotado de conglomerante hidráulico sobre saburra artificial e xeotextil, todo iso confinado por bordos de formigón de 20x10cm.

Ao longo do tramo, nun punto de forte desnivel, foi necesaria a execución de peldañeados en terra con rolos partidos de madeira e recheo e en zonas con carencia de vexetación natural na zona de servidume do río, reforestouse con especies autóctonas como amieiros, bidueiros, carballos, freixos, salgueiros e loureiros.

Como complemento ás actuacións descritas, procedeuse á reposición de case 300 m3 de muros tradicionais, de pedra seca, reconstruídos en paralelo á senda, coas pedras procedentes do desmonte inicial dos mesmos, mantendo a tipoloxía existente, sen acareado nin incorporación de morteiros nin materiais novos.

“Cada Administración, no marco das súas competencias, ten o deber de valorizar, de potenciar e de conservar a riqueza ambiental presente no territorio, así como de fomentar un desenvolvemento máis sostible”, explicou Quiroga.

“A colaboración institucional é clave para executar proxectos de futuro, por iso, desde a CHMS sempre estamos dispostos a cooperar cos concellos da demarcación que soliciten actuacións ambientais que posibiliten o uso e goce do noso valioso patrimonio fluvial pola cidadanía”, concluíu o presidente.

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.