
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba, visitaron esta mañá as obras de mellora de saneamento e depuración do municipio, nas que o investimento final superará os 1.500.000 euros.
“Con estas actuacións limitaranse tanto o número como o volume de verteduras sen tratamento adecuado ao rio Madalena e darase servizo a 10.000 habitantes/equivalentes” explicou o presidente
Para a consecución deste obxectivo, a CHMS proxectou 2 actuacións, que finalizarán durante a primeira quincena de outubro e que consistiron na ampliación do pretratamento da EDAR mediante a instalación de dúas unidades de pretratamento compactas con funcións de desbaste, desareado e desengraxado e con capacidade cada unha de 100 l/seg., para dar cumprimento ao previsto no Plan Hidrolóxico do Miño-Sil que esixe unha capacidade mínima de 20 l/seg por cada 1000 habitantes equivalentes.
Ademais, procedeuse á construción dun tanque de tormentas para laminación e regulación dos caudais de entrada á EDAR en tempo de choiva, antes do pretratamento, e con capacidade de retención de 1000 m3.
Nestes momentos, cando case a totalidade da obra civil e a instalación de equipos electromecánicos esta rematada, os traballos están centrados na electrificación de equipos, a urbanización das zonas afectadas polos traballos e no peche do edificio de pretratamento mediante instalación da súa cuberta, as portas de acceso e demais acabados interiores e de fachada.