
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) en colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través dos traballos desenvolvidos pola Universidade Politécnica de Valencia, elaborou e publicou a predición para os próximos meses das achegas hídricas en réxime natural estimadas nas concas intercomunitarias.
Os resultados representan unha estimación dos valores da achega de recursos hídricos respecto a achega anual media, en réxime natural. O traballo actualizarase e publicarase mensualmente.
Lévanse a cabo dúas predicións: unha baseada nos datos de precipitación e temperatura dos últimos anos rexistrados pola AEMET e outra baseada na predición hidrolóxica estacional, baseada nos mapas de precipitación e temperatura da predición meteorolóxica estacional a 6 meses, obtida do modelo do centro europeo de predición climática a medio prazo (European Centre for Medium-Range Weather Forecasts) ECMWF- System 5.
O traballo desenvolveuse coa colaboración da Universitat Politècnica de València - Instituto de Enxeñería da auga e Medio Ambiente (IIAMA). As simulacións hidrolóxicas lévanse a cabo co modelo Patrical, que permite converter os datos de temperatura e precipitación en achegas en réxime natural.
Xa está dispoñible a predición cos datos correspondentes ao mes de maio de 2023. Considerando a predición da achega anual correspondente ao total das concas intercomunitarias para o ano hidrolóxico 2022-2023 (1 outubro 2022 a 30 setembro 2023), esta será un 22% inferior respecto da achega anual do ano medio. A conca para a que se prevén menores achegas será a conca do Guadalquivir, cunha achega, a final do ano hidrolóxico, 62% inferior respecto da achega anual do ano medio. Todo iso referido a achegas en réxime natural.
Pódese consultar a predición completa e os documentos técnicos asociados na seguinte ligazón: