
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Miguel Ángel Sotuela, alcalde do municipio lucense de Ribas de Sil, rubricaron hoxe o Protocolo que establece o marco de colaboración, para o financiamento, disposición de terreos, execución e entrega das actuacións do “Proxecto de construción dunha depuradora de augas residuais no núcleo de San Pedro e a reparación do tramo canalizado do rio da Ventosela”.
Na actualidade, no núcleo de San Pedro existe unha fosa séptica construída hai máis de 40 anos e dimensionada para uns 100 habitantes equivalentes que se sitúa na marxe esquerda do río Sil e atópase en moi mal estado. Por outra banda, no núcleo de San Clodio existe un tramo do río da Ventosela que se atopa canalizado e que está en moi mal estado debido á degradación dos tubos de aceiro galvanizado existentes, que perderon as súas características estruturais con risco de colapsar e de provocar verteduras ao leito.
En aras da colaboración entre administracións, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil cofinanciará as actuacións necesarias para a construción dunha nova depuradora no núcleo de San Pedro, fóra da zona de servidume do río Sil e coas características que garantan unha adecuada depuración das augas residuais xeradas.
Ademais das actuacións necesarias para a substitución da canalización do tramo do río da Ventosela, augas arriba do seu cruzamento baixo o ferrocarril, por unha solución que, cunha suficiente capacidade de desaugadoiro, sexa compatible co Plan Hidrolóxico Miño-Sil.
O conxunto de actuacións descritas, que mellorarán a calidade das augas deste municipio lucense, requirirán un investimento próximo aos 450.000 euros.