
José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, acompañados de Manuel R. Acebes, director técnico da CHMS, e de José Manuel López e Luís Amadeo López, membros da corporación municipal, visitaron as obras de mellora do saneamento e da EDAR do municipio lucense de Sarria, actuacións executadas polo Estado e que supoñen un investimento de 2.435.845€.
O obxectivo da actuación é asegurar unha porcentaxe do 100% de cumprimento das esixencias da Directiva 91/271/CEE, sobre tratamento das augas residuais urbanas. Para iso, a obra está cofinanciada no 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020, que financia as infraestruturas necesarias para cumprir os fitos establecidos en dita Directiva, contribuíndo á conservación do medio ambiente.
O proxecto
Os traballos iniciáronse o pasado 7 de setembro de 2022 e consisten na construción dun colector interceptor no río Sarria e dun novo colector xeral sobre a traza do actual do colector interceptor xeral de entrada á EDAR, ademais de distintas melloras nesta infraestrutura.
O colector interceptor do río Sarria será unha condución de 512 m de lonxitude, construída mediante tubo de poliéster reforzado con fibra de vidro de entre 1000 e 1500 mm de diámetro, e cruza no seu percorrido a estrada LU-636. Na actualidade executouse máis do 50% desta parte da obra.
O novo colector xeral, de 125 m de lonxitude, discorrerá desde a confluencia do actual Colector do Celeiro co Colector da Rúa do Greco ata a nova estrutura de alivio a construír nas proximidades da EDAR, que regulará o caudal derivado á depuradora para non exceder a súa capacidade de tratamento e estará dotada de peneiras auto-limpantes para evitar que se deriven ao leito do Río Sarria sólidos en suspensión maiores de 6 mm.
Outras actuacións
Durante a execución das obras está prevista a tramitación dunha modificación do proxecto para cambiar o punto de vertedura desta estrutura de regulación, levándoo augas abaixo do emprazamento da EDAR e da illa da Veiguiña, evitando causar danos nesta contorna natural.
“Este importante investimento do MITECO supoñerá a solución definitiva ás verteduras recorrentes ao leito, para iso melloraremos a EDAR, substituiremos as conducións defectuosas e executaremos os dispositivos de tormenta necesarios”, concluíu Quiroga.