A CHMS e o Concello do Barco de Valdeorras mellorarán a marxe esquerda do río Sil en O Salgueiral

La CHMS y el Concello de O Barco de Valdeorras mejorarán la margen izquierda del río Sil en O Salgueiral
  • O investimento estimado supera os 575.000 €, que será sufragado nun 80% polo Estado, a través da CHMS, e o 20% restante pola administración local
  • Realizarase unha zona verde para o lecer, compatible coa normativa de augas, e un sendeiro peonil pola marxe esquerda do río Sil

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Alfredo Rodríguez, alcalde do Barco de Valdeorras, rubricaron hoxe o Convenio de colaboración que determina as condicións para o financiamento, execución e posterior entrega das obras de construción dun sendeiro e dunha zona de lecer na marxe esquerda do río Sil en O Salgueiral.

O proxecto

Realizarase unha zona verde para o lecer, compatible coa normativa de augas, e un sendeiro peonil pola marxe esquerda do río Sil.

Para iso, executarase un espazo de lecer en torno ao leito en O Salgueiral, sen mobiliario urbano nin obstáculos que puidesen afectar o fluxo da corrente; ademais, procederase á eliminación de chopos que se substituirán por árbores de sombra con especies autóctonas propias do ecosistema fluvial.

Tamén se inclúe o pintado e renovación do pavimento da pasarela metálica existente que enlaza o Malecón con O Salgueiral.

Como complemento ao anterior e desde a mesma zona partirá un novo sendeiro -augas arriba do río Sil na súa marxe esquerda- peonil e de 1 km de lonxitude que confluirá co Malecón de O Campiño, situado próximo á ponte da estrada N-536.

O investimento estimado supera os 575.000 €, que será sufragada nun 80% polo Estado, a través da CHMS, e o 20% restante pola administración local.

“Quero agradecer ao alcalde e á corporación municipal o seu interese polo respecto e coidado dos nosos ríos, conxugando o harmonizar e valorizar as ribeiras, coa procura de espazos naturais e de lecer para a cidadanía” explicou Quiroga.

"É un proxecto moi importante para O Barco, co que se vai a poñer en valor toda a marxe esquerda do río Sil para que poida ser utilizada polos veciños e veciñas” explicou o alcalde. Tamén agradeceu a boa disposición da Confederación para levar a cabo este proxecto, "O segundo que se vai a executar no Barco en pouco tempo, despois de iniciado o de mellora do Arroio de Forcadela. E non será o último, xa que está moi avanzado outro proxecto máis, este de depuración, que tamén é moi relevante para o noso municipio".

“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” concluíu o presidente.

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.