
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Álvaro Vila, Alcalde de Taboadela, rubricaron hoxe o Convenio de colaboración que posibilita as obras de mellora do saneamento e a depuración das augas residuais do municipio ourensán de Taboadela.
O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións que rexerán a execución das obras e instalacións necesarias, a posta ao dispor dos terreos e o réxime da posterior entrega ao Concello de Taboadela para o seu mantemento e conservación.
A CHMS licitará, adxudicará e xestionará os contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución do presente Convenio, ata a terminación definitiva das actuacións.
As obras consistirán na construción de tres pequenas estacións de tratamento de augas residuais para o servizo dos núcleos de Espiñeiro, Xociños e Vendanova, a súa conexión ás redes de saneamento existentes. Por outra banda, tamén se executarán as actuacións que permitan conectar os núcleos de Veredo, Alto de Taboadela e Palacios ás redes de saneamento e á EDAR do municipio.
O investimento estimado superará os 700.000 euros, que serán sufragados polo Estado, a través da CHMS, nun 80% e o 20% restante pola Administración local.