
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico asinou a orde de aprobación do Plan Nacional de Depuración, Saneamento, Eficiencia, Aforro e Reutilización (Plan DSEAR) como instrumento co que revisar as estratexias de intervención na políticas da auga e mellorar a eficacia das accións públicas sobre as materias de saneamento, depuración e reutilización. A orde será publicada no Boletín Oficial do Estado nos próximos días.
O Plan DSEAR foi elaborado pola Dirección Xeral da Auga coa colaboración de numerosos axentes interesados, máis de duascentas participacións procedentes de ámbitos diversos: administracións públicas, usuarios e xestores do ciclo urbano da auga, do sector enerxético e do regadío, organizacións non gobernamentais, así como institucións, universidades, fundacións, centros de investigación vinculados á auga e outros interesados. Todos eles participaron de forma activa nunha serie de talleres nos que se analizaron os contidos do Plan e os retos que deberían afrontarse, expondo propostas de actuación sobre sete eixos de gobernanza:
1) Fixar criterios para priorizar as medidas que se inclúan na planificación hidrolóxica
2) Reforzar a cooperación entre Administracións Públicas
3) Definir as actuacións que deban ser consideradas de interese xeral do Estado
4) Mellorar a eficiencia enerxética e integral das plantas de depuración e reutilización
5) Optimizar os mecanismos de financiamento das medidas
6) Fomentar a reutilización das augas residuais
7) Impulsar a innovación e a transferencia tecnolóxica no sector da auga
AVALIACIÓN AMBIENTAL E PARTICIPACIÓN
O Plan DSEAR enriqueceuse co seu sometemento a un proceso de avaliación ambiental estratéxica paralelo ao da súa elaboración, que axudou á debida toma en consideración de aspectos ambientais estratéxicos e dotou a todo o proceso dun procedemento regulamentario seguro e garantista. A avaliación descrita resultou na declaración ambiental estratéxica que publicou o Boletín Oficial do Estado o pasado 18 de xuño.
A participación cidadá, indispensable no deseño das políticas públicas, concretouse esencialmente en dous períodos de consulta pública no último trimestre de 2018, e entre outubro e decembro de 2020. Tamén se realizaron enquisas para coñecer o grao de acordo coas propostas e contidos do Plan, webinar explicativos e outras actividades participativas. Así mesmo, e antes da súa aprobación, a proposta do Plan DSEAR someteuse ao exame do Consello Nacional da auga, máximo órgano colexiado consultivo do Goberno na materia, que o informou favorablemente o pasado día 30 de abril.
Os efectos do Plan DSEAR aprobado van deixar sentir nas próximas accións que impulsa o MITECO e, especialmente, no proceso de actualización dos plans hidrolóxicos de conca, actuando sobre a cooperación administrativa e sobre a clarificación e priorización das actuacións recollidas nos programas de medidas que acompañan aos plans hidrolóxicos. Os citados programas de medidas, cuxo desenvolvemento é esencial para alcanzar os obxectivos ambientais e de seguridade hídrica que persegue a planificación hidrolóxica, haberán de materializarse entre os anos 2022 e 2027 mediante o compromiso e impulso de todas as Administracións públicas competentes.
O contido íntegro do Plan DSEAR está dispoñible na seguinte ligazón da páxina web do Ministerio.