
Jose Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mantivo un encontro co Vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e cos alcaldes do Bolo e da Rúa, Manuel Corzo e Álvaro Fernández, respectivamente.
No transcurso da reunión concretáronse os extremos da colaboración que exercerá o Organismo de conca no proxecto de reconstrución da ponte sobre o río Xares no Bolo, que supón un problema de mobilidade que afecta os veciños de varios municipios.
A CHMS, tal e como xa manifestara por escrito o pasado 25 de febreiro, declinou o formar parte da Comisión creada para tal fin, por estar fóra da súa competencia e ser responsabilidade municipal e/ou doutras administracións, aínda que, manifestou de novo a disposición do Organismo en colaborar en calquera cuestión legal ou administrativa co obxectivo de axilizar os trámites para o inicio da execución das actuacións.
Por outra banda, tamén se acordou a necesidade de pescudar o grao de responsabilidade, se o houbese, das concesionarias que xestionan as presas situadas augas arriba da ponte. Neste sentido, a CHMS informará acerca de se se cumpriron as normas de explotación das presas e facilitará, ademais, os datos que consten no Centro de Control de Conca (CECU) do Organismo recolleitos polo Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) nas datas nas que se produciron danos polo intenso caudal do río Xares, que provocou inundacións e avenidas.