
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o presidente do Padroado da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, Antonio R. Colmenero, rubrican o Convenio de colaboración que instrumenta a subvención nominativa de 50.000 euros, en favor da Fundación, tal e como recolle o orzamento do Organismo de conca para o ano 2021.
A Fundación executará parte dos traballos incluídos na campaña de escavacións que cada ano leva a cabo para continuar descubrindo os restos arqueolóxicos situados no pantano de As Conchas, río Limia, no concello de Bande.
Aquae Querquennae Via Nova ten como obxecto protexer, estudar e promocionar o complexo arqueolóxico que lle dá nome, un antigo campamento militar romano que, a día de hoxe, ocupa parte do leito do encoro de As Conchas, zona de dominio público hidráulico, así como a calzada romana coñecida como Vía Nova, que unía as cidades de Braga, en Portugal, con Astorga, en León.
Desde a Fundación solicitouse a colaboración económica da CHMS coa finalidade de continuar cos traballos de escavación e realizar unha intervención na paisaxe, tanto arbórea como fluvial, que rodea o xacemento na zona contigua setentrional do encoro de As Conchas, desde a alameda de Porto Quintela ata o solar da antiga igrexa parroquial de O Baño, de oeste a leste, e entre o litoral norte do encoro e a estrada autonómica de Ourense e a fronteira portuguesa.
“A través deste investimento, o Estado contribúe a apoiar a recuperación do valioso patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, situado no propio encoro, así como para efectuar o control de que as actuacións executadas cumpran coa normativa de Augas” explicou o presidente.