
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, analizou esta mañá os orzamentos e investimentos que desenvolverá durante os próximos meses a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e que superan os 37 millóns de euros. Mantivo unha reunión telemática co seu presidente, José Antonio Quiroga, quen lle trasladou as principais actuacións deste organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Na reunión ambos repasaron as partidas da CHMS, que destinará ata un 56% do total previsto a investimentos para o mantemento e mellora das masas de auga xestionadas por este organismo de conca, que se estenden polas provincias de Ourense, Lugo e sur de Pontevedra.
Do total orzado, a Confederación investirá 9,7 millóns en labores de limpeza e mellora de leitos, consistentes en actuacións de retirada de obstáculos naturais e artificiais e de vexetación invasiva, entre outras. Trátase dun programa que ten un gran impacto positivo no territorio e que este ano recibe unha inxección moi superior á do ano pasado, cando se investiron 2,8 millóns nestas tarefas.
Do total do orzamento, ata 20,8 millóns de euros destinaranse para actuacións propias a executar en Dominio Público Hidráulico, presas e outros bens e para dar cobertura a Convenios subscritos con Corporacións Locais, entre outros investimentos.
Entre as partidas que máis soben para este ano destaca a de apoio a entidades e colectivos que realizan proxectos de coidado e mellora dos ecosistemas fluviais. Increméntase o importe de 78.000 ata os 224.000 euros cos que se poderán financiar ata nove actuacións ambientais relacionadas coa auga que executarán estas entidades sen ánimo de lucro.
Educación ambiental
A Confederación Hidrográfica continuará durante este ano as actividades de educación ambiental con escolares que leva desde 2019 desenvolvendo con gran implantación.
Son proxectos destinados á poboación escolar dos concellos da demarcación Miño-Sil co obxectivo de fomentar e promover o contacto directo dos nenos coa contorna natural e aumentar os seus coñecementos sobre os escosistemas fluviais e a cultura que se xera ao redor deles. Así se desenvolven os proxectos “Gústame o meu río, ensíname a coidalo” e “O barqueiro dous ríos” en colaboración cos centros escolares da demarcación do Miño-Sil; “Pon a túa pinga de auga” -en colaboración con medios de comunicación locais, e a exposición itinerante “Os ríos dás dez mil terras”.