
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, reuniuse co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, para trasladarlle a Autorización da CHMS que posibilita o inicio das obras do proxecto de “Pasarela metálica provisional para Ponte Ribeira”, coa que se dará continuidade ao traxecto orixinal do Camiño de Santiago.
Neste encontro corroborouse o compromiso de ambas as Institucións coa riqueza natural da zona e o arraigamento dos Sarriáns, desde hai séculos, ao tránsito de peregrinos que cruzan a vila para continuar o traxecto do Camiño Francés ata completar o Camiño de Santiago.
Quiroga confirmou, ademais, que a CHMS está a redactar o estudo técnico previo ao proxecto de rehabilitación da parte alterada da Ponte Ribeira, para deixará á vista a fábrica orixinal desta histórica ponte Medieval. “Temos que ser conscientes do patrimonio cultural asociado ao mundo da auga do que dispoñemos en Galicia e, por iso, desde a CHMS apostamos por manter as vías orixinais sen obviar a normativa de augas” matizou.
“Con esta solución temporal, proposta polo Concello, dáse solución á problemática xurdida en 2015 que provocou o corte da circulación pola ponte do Peregrino – Ponte Ribeira-, o que derivou en importantes prexuízos para os veciños de Sarria, para os peregrinos e para os comerciantes. Desde o organismo que presido quero evitar, na medida do posible, máis inconvenientes aos prexudicados” concluíu Quiroga.