
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibe a Modesto Tejeiro, presidente do Club Fluvial de Lugo; no encontro estiveron acompañados polo Comisario de Augas e o adxunto, Xoán Nóvoa, e Alberto de Anta, respectivamente, e polo Asesor Xurídico do Club, Jesús Amarelo.
O obxectivo deste encontro, a solicitude de Tejeiro, é o inicio dun novo procedemento de concesión a solicitude do Club Fluvial, ao ser resolta por caducidade unha solicitude anterior do mesmo Club Fluvial ante a súa falta de contestación aos distintos requirimentos de documentación efectuados pola CHMS.
Procedemento de Concesión
A concesión inicial ao Club Fluvial de Lugo data de outubro de 1998 que, entre outros dereitos, autorizaba a ocupación do Dominio Público Hidráulico (DPH) dunha superficie situada no terreo do Club Fluvial, fixándose unha vixencia de 20 anos. Unha vez este prazo caducou, o 21 de setembro de 2018 rexistrouse unha nova solicitude da mesma entidade para renovar esa ocupación ao DPH nas mesmas condicións.
O 08 de febreiro de 2019 sometíase a petición do Club Fluvial a competencia de solicitudes mediante anuncio no BOP de Lugo, de acordo co Regulamento do Dominio Público Hidráulico, no que se indicaba que se abría un prazo dun mes desde esta publicación para que os peticionarios presentasen a solicitude concreta e un proxecto debidamente precintado.
En marzo de 2019 FORUS DEPORTE E LECER, S.L. e o Club Fluvial de Lugo, presentan a súa respectiva solicitude e documentación técnica para participar no procedemento de peticións. Ao mesmo tempo, na mesma data, presentouse unha petición a título individual na que se solicitaba que se lle concedese a título persoal o aproveitamento con destino ao uso público sen obra algunha e sen achegar documento técnico ningún.
Tras a apertura dos documentos presentados, con asistencia dos interesados, o 28 de xuño de 2019, foi excluída a solicitude persoal por non achegar a documentación técnica que esixe o Regulamento de Dominio Público Hidráulico, así mesmo, analizouse a documentación presentada por FORUS DEPORTE E LECER, S.L. e o Club Fluvial de Lugo, solicitouse nova documentación, sendo presentado unicamente por FORUS DEPORTE E LECER, S.L.
O 04 agosto de 2019 a CHMS elaborou un informe no que se concluíu declarar desistido ao Club Fluvial de Lugo por non contestar o requirimento de documentación, e denegar o proxecto presentado por FORUS DEPORTE E LECER, S.L. por non quedar acreditada a viabilidade do proxecto e conter actuacións non autorizables. Tras dar un período de vista e audiencia dos solicitantes, finalmente o 8 de febreiro de 2020 resolveuse o expediente declarando desistido ao Club Fluvial e denegada a solicitude de FORUS DEPORTE E LECER, S.L.