
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, traballa na retirada de árbores caídas e especies invasoras que obstaculizan a capacidade de desaugadoiro dos ríos Cotarel, ao seu paso por Randulfe e Furnia ao seu paso por Malvas (Tui-Pontevedra).
Problemática
Da inspección previa realizada ao río Cotarel, tamén coñecido como O Seixail, detectouse abundante vexetación que nalgún punto invade totalmente o leito e presenza de especies exóticas invasoras, principalmente Phyllostachys nigra (bambú negro) e na parte final do tramo obsérvanse tamén Arundo donax (cana común).
Pola súa banda, no río Furnia a situación era similar, con presenza de bambú en varios tramos, árbores tombadas sobre o leito e árbores secos ou con perigo de caída que poderían provocar taponamentos en infraestruturas de paso.
Actuacións programadas
Para solucionar a problemática existente en ambos os leitos, os traballos céntranse no acondicionamento e limpeza do dominio público hidráulico e zona de servidume, incluíndo poda e clareo de ramas baixas, talla, partido, amontoado.
Por outra banda, en varios tramos que suman aproximadamente 2.700 metros, realizarase a retirada de especies invasoras –bambú e cana-, ademais da eliminación de árbores caídas ou secas e con risco de caída, así como, a limpeza dos pasos de auga existentes. Os restos vexetais serán retirados da zona e transportados ao xestor autorizado.
Estes traballos, incluídos en Encomenda á empresa Tragsa para o Servizo de Conservación e Restauración de leitos da Demarcación Miño-Sil, prolongaranse ata finais de xuño; executados por dúas brigadas compostas por 5 operarios cada unha, o que supón un investimento de máis de 35.000 euros.
“A Encomenda actual finalizará no segundo semestre de 2020, aínda que, estamos a valorar, do mesmo xeito que en 2019, un contrato complementario de reforzo que dea cobertura a un maior número de tramos con problemas, todo iso co ánimo de previr inundacións e avenidas que puidesen afectar as persoas e os seus bens” concluíu o presidente.
Tramo río Cotarel / O Seixal Tramo río Furnia