O presidente da CH do Miño-Sil e o alcalde da Pastoriza avanzan na construción do Centro de Interpretación do Alto Miño

El presidente de la CH del Miño-Sil y el alcalde de A Pastoriza avanzan en la construcción del Centro de Interpretación del Alto Miño
  • Esta será a primeira actuación para poñer en valor a cabeceira do Miño
  • A boa comunicación do espazo natural, á beira da estrada LU-122, a dispoñibilidade de aparcamentos e sobre todo os valores naturais da zona foron as principais características para a localización neste lugar emblemático
  • O custo das actuacións estímase en 250.000 €, que sufragará na súa totalidade a CHMS, pola súa banda, o Concello poñerá a disposición os terreos necesarios para a construción

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, avanzan no proxecto de construción do futuro “Centro de Interpretación do Alto Miño en Fonmiñá (A Pastoriza-Lugo)”, rubricando o Protocolo que establece o marco de colaboración para o financiamento, redacción do proxecto, posta ao dispor dos terreos, execución e posterior entrega para o seu mantemento e explotación.

En marzo do presente ano, o presidente deste Organismo de conca desprazouse á zona para comprobar in situ a localización máis adecuada, avanzando así nun proxecto que se converterá en centro de referencia para actividades de educación ambiental e valorización dos leitos e a súa contorna.

O proxecto

A Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil abarca a parte española das concas dos ríos Miño e Limia, na primeira, nun lugar próximo ao seu nacemento construirase o Centro de Interpretación do Alto Miño, en Fonmiñá; un enclave de alto valor ambiental e un dos lugares que tradicionalmente se utilizou como cabeceira do río Miño.

A boa comunicación deste espazo natural, á beira da estrada LU-122, a dispoñibilidade de aparcamentos e sobre todo os valores naturais da zona, foron as principais características para a localización deste centro de interpretación no que se visibilizarán os valores de fauna, flora e aspectos antropolóxicos relacionados coa auga superficial e co río Miño para potenciar os devanditos valores nun lugar que xa de seu é visita habitual de escolares e viaxeiros de todo tipo.

“O edificio será de planta baixa, cunha superficie útil aproximada de 250 m2, construído con materiais da zona e para uso como centro de interpretación. No exterior respectaremos e evitaremos o impacto visual atendendo aos valores naturais e paisaxísticos da contorna” explicou Quiroga.

“En canto ao deseño interior, será simple e intuitivo e dotado de tecnoloxía adaptada aos novos tempos, co ánimo de facelo atractivo para foráneos, visitantes e moi enfocado á comunidade escolar”, matizou o presidente.

O custo das actuacións estímase en 250.000,00 €. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil será a encargada da licitación, adxudicación e xestión dos contratos de obra e servizos, ata a finalización das obras; pola súa banda, o Concello da Pastoriza poñerá ao dispor do Organismo de conca os terreos necesarios para a execución da edificación e a súa contorna.

“Esta será a primeira actuación na cabeceira do río Miño, co ánimo de poñer en valor toda a zona do Alto Miño; os seguintes pasos serán a instalación doutro punto informativo na contorna do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do Miño, e a execución dunha senda que una Irimia con Fonmiñá para visibilizar o potencial desta zona de alto valor natural e paisaxístico que une os territorios dos concellos de Meira e A Pastoriza”, concluíu Quiroga.

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.