
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, investirá máis de 425.000 euros nun “plan de choque” como reforzo ás actuacións de conservación do Dominio Público Hidráulico (DPH) dos ríos da Demarcación Miño-Sil na provincia de Lugo.
Os traballos comezaron no río Madalena (TM Vilalba) onde hoxe mesmo desprazouse o presidente da CHMS, Jose Antonio Quiroga, acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e pola alcaldesa da localidade, Elba Veleiro, para comprobar “in situ” a boa marcha da execución.
“Somos conscientes de que os traballos de conservación, restauración e rehabilitación do dominio público hidráulico son necesarios e imprescindibles para o bo estado dos nosos leitos fluviais e sobre todo para evitar danos en momentos puntuais de intensas choivas ou temporais, por iso tomamos a decisión de reforzar os contratos existentes para garantir un servizo máis adaptado ás necesidades reais de cada zona”, explicou Quiroga.
“As actuacións están a priorizarse en función do estado dos leitos e comezouse polos tramos máis próximos a poboacións cuxa problemática poida entrañar riscos para a seguridade das persoas ou os seus bens. En segundo lugar atenderanse os tramos de leito susceptibles de inundacións ou avenidas pola presenza de árbores, ramas e vexetación que poidan dificultar a capacidade de desaugadoiro e producir taponamentos ou obstrucións de pontes ou outras infraestruturas de paso” matizou o presidente.
O proxecto
Previo ao comezo dos traballos foron realizadas inspeccións exhaustivas atendendo ás demandas dos concellos, asociacións ou particulares, para coñecer o estado real do solicitado e poder valorar a necesidade de actuación.
As actuacións que se proxectan consisten fundamentalmente na retirada de elementos non desexados que se depositan a causa principalmente das crecidas dos caudais dos ríos e arroios e polas inundacións destes, dentro da sección hidráulica dos leitos, minguando a súa natural capacidade de desaugadoiro, a calidade das súas augas ou mesmo poñendo en risco a bens e persoas.
En xeral, as actuacións tenderán a recuperar o funcionamento natural do río, amortecendo o efecto dos procesos hidrolóxicos, aumentando a súa heteroxeneidade e grao de naturalidade. Neste sentido, as técnicas de recuperación a aplicar serán o máis respectuosas posibles coa contorna, integrándose no posible co funcionamento ecolóxico do río e da paisaxe fluvial. Por tanto, procurarase utilizar materiais naturais, como pedras, madeira, vexetación, etc…
Levarán a cabo tratamentos silvícolas co obxectivo principal de mellorar a capacidade de desaugadoiro dos leitos e tamén a de acondicionar a banda de vexetación dos mesmos, tanto en densidade como en estrutura. Os tratamentos silvícolas consistirán na realización de rozas puntuais da vexetación existente eliminando o exceso de matogueira e a maleza acumulada nalgunhas zonas. Sobre o estrato arbóreo realizarase un clareo, apeando os pés claramente dominados ou decrépitos, realizándose unha poda de ramas baixas sobre os pés para manter.
Procederase á recuperación da estrutura do leito mediante a eliminación de restos vexetais, extracción de árbores caídas e eliminación de tapóns e á revexetación de ribeira con especies autóctonas para a recuperación de bosques de galería.
Simultaneamente á realización dos tratamentos silvícolas levará a cabo a retirada de lixos e residuos dispersos de distinta natureza (urbanos, de construción e demolición, eléctricos e electrónicos, de vehículos, etc.). Este tipo de residuos recolleranse, segregaranse segundo a súa natureza e serán entregados a xestor autorizado.
Por último, executaranse tamén actuacións de restauración hidrolóxico-forestal e/ou control da erosión para a defensa de marxes, aplicando técnicas de bioinxeniería, tales como instalación de biorolos e mantas biodegradables, estaquillado con especies vexetais do lugar, plantación de frondosas ou sementa de gramíneas e leguminosas.