
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO), reuniu esta mañá á Comisión Técnica tal e como prevé o Convenio de colaboración, asinado o pasado 12 de abril, entre o Organismo de conca, a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo, a través do que se mellorará a regulación e o almacenamento de auga que garanta o abastecemento a Vigo e zona sur de Pontevedra.
A CHMS explicou ao Concello de Vigo e a Xunta de Galicia as distintas alternativas que se valorarán a través do Estudo Informativo; o recrecimiento da presa de Eiras, a construción dunha nova presa augas arriba do actual encoro, a construción dunha planta desalinizadora e dunha toma de auga no río Miño, así como, unha condución de transvasamento que permita a conexión co actual sistema de abastecemento. Pola súa banda, o representante do Concello de Vigo incorporou unha nova alternativa consistente na execución dunha toma de auga no río Verdugo e a súa conexión co actual sistema de abastecemento.
Por outra banda, e a proposta da Xunta de Galicia, acordouse ampliar o ámbito de actuación dos 11 municipios previstos no Convenio; Vigo, Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán e Gondomar, en 4 máis; Tui, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
O Prego de Prescricións Técnicas do Estudo Informativo que servirá de base á licitación do traballo, consistirá na redacción do estudo de alternativas e na elaboración da documentación ambiental que permita realizar a tramitación ante o órgano ambiental correspondente. Estes traballos terán un prazo de execución de 13 meses, tal e como se acordou na reunión mantida entre os tres asinantes do Convenio.
Antes de finalizar o encontro, repasouse o calendario previsto para a licitación e contratación do Estudo Informativo, unha vez redactados e aprobados os pregos será enviado durante a primeira quincena de agosto á Avogacía do Estado para informe preceptivo. O procedemento de contratación estímase que terminará a finais de ano.
O texto do prego consensuado neste encontro, unha vez incorporadas as observacións, circularase entre os asistentes xunto co borrador de Acta, para conforme, e emprazouse aos asistentes a unha próxima reunión dos membros desta comisión técnica uns días despois da firma do contrato coa empresa adxudicataria.