A Subdelegación do Goberno en Ourense reúne á Comisión de seguimento do Barbaña

La Subdelegación del Gobierno en Ourense reúne a la Comisión de seguimiento del Barbaña
  • “A colaboración e implicación de todas as Administracións e a concienciación social e do tecido empresarial é clave para evitar os episodios recorrentes de contaminación ao río Barbaña”, indicou o subdelegado do Goberno
  • “A solución definitiva supón a execución de actuacións de saneamento e depuración nas que o investimento estimado superará os 24.000.000 de euros” explicou o presidente da CHMS

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, asistiu á reunión da Comisión de seguimento da problemática do río Barbaña, convocada polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

Ao encontro tamén asistiron representantes do Concello de Ourense, da Deputación Provincial e da Xunta en Ourense, os alcaldes de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar, e os presidentes dos polígonos industriais de San Cibrao, Pereiro e Barreiros, así como tres membros do colectivo ecoloxista Ríos Limpos.

O subdelegado do Goberno presidiu a Comisión Permanente que foi creada para establecer unha canle común e coordinar ás diferentes Administracións co interese de avaliar e levar a cabo solucións concretas que poñan fin ao problema recorrente de contaminación ao río Barbaña.

“A colaboración e implicación de todas as Administracións e a concienciación social e do tecido empresarial é clave para evitar os episodios recorrentes de contaminación ao río Barbaña”, indicou o subdelegado do Goberno.

O Presidente da CHMS e varios membros do Organismo informaron sobre o proxecto de saneamento do río Barbaña e a mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais de San Cibrao das Viñas, actualmente en redacción, e que deberá de estar finalizado en setembro.

Este proxecto constitúe a toma dos datos necesarios e a formulación dun estudo integral de solucións alternativas que permitan determinar con exactitude as actuacións necesarias a realizar.

Situación actual do proxecto

No primeiro trimestre de 2019 levaron a cabo todos os traballos correspondentes á toma de datos en campo, inspección tanto da rede de saneamento como da EDAR existente, toma de mostras á entrada e saída da EDAR e a súa caracterización.

Tamén se realizou a recompilación da información das distintas administracións e empresas relacionadas coa depuración e saneamento de San Cibrao das Viñas, como son o propio Concello, o explotador do sistema de depuración -empresa Espiña e Delfín- e o organismo encargado do control do saneamento – Aquaourense-. Esta información xa foi analizada en complemento da que consta no proxecto desenvolto no ano 2013 pola CHMS.

Por outra banda, foron realizadas as consultas a organismos, a Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, que poderían verse afectados polas obras para proxectar, así como á Comisaría de Augas da CHMS, sobre os condicionantes do plan Hidrolóxico que deben de ser tidos en conta para o deseño das solucións.

Con toda a información obtida procedeuse ao modelizado da rede e da EDAR existentes, para concluír as solucións técnicas máis adecuadas, tanto para o saneamento e depuración de augas residuais industriais, como para a drenaxe e tratamento de augas pluviais en toda a superficie afectada polo proxecto, que ascende a máis de 340 hectáreas.

Actualmente, está a redactarse o proxecto de construción do deseñado, que supón a substitución ou nova construción de 3,3km de colectores de augas fecais, 16,5km de colectores de augas pluviais, acondicionamento de 19 puntos de vertedura de augas pluviais e a adaptación da EDAR existente para conseguir tratar as augas residuais industriais sen xerar ningunha vertedura non depurada ao medio acuático.

“O citado proxecto dará como resultado unhas actuacións de saneamento integral do río Barbaña nas que o investimento estimado alcanzará os 24.000.000 de euros, financiado a través de Fondos Feder do período 2014-2020; aproximadamente 14 mill/€ corresponden á remodelación da EDAR, 3 mill/€ aos colectores de augas fecais e 7 mill/€ aos colectores de augas pluviais e o seu tratamento” matizou Quiroga.

Os asistentes celebraron a iniciativa do Goberno de España, a través da Subdelegación do Goberno en Ourense e da CHMS, sobre a claridade e transparencia, tanto da convocatoria de reunión, como da información facilitada acerca dun proxecto integral que poñerá fin a unha problemática que se prolongou ao longo dos anos.

08072019 foto 1

08072019 foto 3

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.