A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) asinará un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, a través Augas de Galicia, e co Concello de Vigo, co que se posibilitará a licitación dun estudo informativo que determine a proposta máis adecuada para mellorar a regulación e o almacenamento de auga que garanta o abastecemento na zona de Vigo e a súa área.
Entre os otorgantes acordouse un texto definitivo que a CHMS enviou a Augas de Galicia e ao Concello de Vigo o pasado 1 de febreiro de 2019, para a súa conformidade, unha vez recibida esta por a CHMS comezouse a tramitación do Convenio coa petición de cinco informes preceptivos ante distintos Departamentos Ministeriais, advertíndose previamente que calquera modificación, unha vez comezada a tramitación, supoñería o inicio dunha nova rolda de solicitudes.
Neste momento disponse dos informes emitidos pola Avogacía do Estado, a Secretaría Xeral Técnica do MITECO, o Ministerio de Política Territorial e Función Pública e a Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Facenda; estando pendente a Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos, que avaliará o cumprimento dos criterios sobre déficit e débeda da Administración Autonómica.
Modificacións ao texto acordado
É importante destacar que Augas de Galicia modificou unilateralmente o texto do Convenio e esta nova versión, non acordada previamente, foi aprobada polo Consello da Xunta do 28 de marzo de 2019.
O pasado 29 de marzo o Ente autonómico comunicou a este Organismo de conca os cambios introducidos e, con esa mesma data, a CHMS emitiu resposta advertindo, unha vez máis, que esta nova versión supoñerá un considerable atraso na firma do Convenio xa que habería que iniciar, de novo, o procedemento administrativo.
“Desde a CHMS estamos en boa disposición de colaborar coas distintas Administracións, dentro das nosas competencias, en actuacións que redunden na mellora da calidade de vida dos cidadáns. A garantía do abastecemento, aínda que é unha competencia municipal, é un dereito dos cidadáns e como Administración do Estado non podemos eludir nosa parte de responsabilidade compartida” matizou Quiroga.
“Desde a CHMS pedimos á Xunta de Galicia a máxima seriedade e respecto nos textos consensuados polos asinantes xa que, tal e como se advertiu, pequenas modificacións poden supoñer grandes atrasos que serían imputables só a esa Administración Autonómica” concluíu o presidente da CHMS.