
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica – MITECO-, realizou unha xornada de debate sobre o novo ciclo de Planificación Hidrolóxica para o período 2021-2027.
A sesión centrouse no contido dos denominados “Documentos Iniciais” do proceso de planificación que constitúen a primeira das tres etapas das que consta a elaboración do plan hidrolóxico e que se atopan actualmente no período de consulta pública de seis meses, ata o próximo día 19 de abril
Durante a xornada, inaugurada polo alcalde do Barco de Valdeorras (Ourense), Alfredo García, detallouse o contido dos Documentos Iniciais, a partir dunha descrición xeral da demarcación, o estudo das repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e subterráneas, a análise económica do uso da auga, facendo especial fincapé na importancia da participación pública e nas fórmulas de consulta para facer efectiva a mesma.
Con respecto ao estudo da repercusión da actividade humana, explicouse a problemática do elevado número de barreiras transversais, a alteración do réxime hidrolóxico orixinada polos aproveitamentos hidroeléctricos, os problemas derivados da contaminación difusa procedente da actividade agrícola e gandeira, o impacto da actividade mineira e os vertedoiros e a contaminación puntual por verteduras.
En materia de gobernanza púxose de manifesto a necesidade de continuar avanzando na coordinación entre Administracións con competencias na xestión e uso da auga e na cooperación transfronteiriza.
Tamén se fixo fincapé no impacto do cambio climático ante a previsible diminución futura das precipitacións e achegas aos nosos ríos, así como, na necesidade de adaptación a unha maior frecuencia de fenómenos extremos como inundacións e secas e o seu potencial efecto nos episodios de contaminación accidental e os incendios.
Esta xornada enmárcase dentro das actividades de participación pública activa, programadas polo organismo de conca para esta primeira fase do novo ciclo de planificación hidrolóxica e que deu lugar á celebración, entre outras actividades, de seis xornadas sectoriais con diferentes sectores: organizacións en defensa dos intereses ambientais, usuarios de abastecemento urbano, usos agropecuarios, usos enerxéticos, colexios profesionais, organizacións sindicais e empresariais.
“O fomento e a participación activa das partes interesadas na materia é un dos principais obxectivos da planificación hidrolóxica e continuará ao longo do proceso de elaboración do novo Plan que debe culminar antes do fin do ano 2021”, concluíu Carlos Guillermo Ruiz do Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica e relator nesta xornada.