
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, reuniu aos socios no proxecto europeo RISC_Miño_Limia -, na sede da Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto ( FEUP), co ánimo de avanzar nas diferentes accións asociadas ao proxecto e programar as novas actividades a levar a cabo.
Á reunión do Comité de Xestión, órgano directivo do proxecto Risc Miño-Limia, e a convocatoria da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, como socio beneficiario principal e líder no proxecto, asistiron a Universidade de Vigo- Campus de Ourense-, como socios españois, e pola parte portuguesa a Axencia Portuguesa de Ambiente -.APA- e a Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto, anfitrións desta reunión.
Durante o encontro os representantes de cada socio no Grupo de Traballo Conxunto presentaron o grao de avance das actividades do proxecto que ten como obxectivo minimizar e avaliar os efectos dos fenómenos extremos (secas e inundacións) e do cambio climático na xestión das nosas masas de auga e os seus ecosistemas asociados, co fin de lograr a elaboración dun plan hidrolóxico e de xestión único para toda a demarcación hidrográfica internacional en cumprimento da Directiva Marco da auga e contribuír á mellora e consecución do bo estado das mesmas.
Entre outros temas expuxéronse os avances na mellora da cartografía de toda a rede hidrográfica da demarcación e as súas concas vertentes asociadas, que será fundamental para conseguir un inventario de recursos que teña en conta o efecto do cambio climático nas partes española e portuguesa da demarcación.
Tamén se está completando un novo sistema de indicadores e limiares moito máis preciso para situacións de seca e de alerta temperá por inundacións, baseado en modelos hidrometeorológicos e hidráulicos de software libre, que ofrezan unha previsión de, polo menos, a 72 horas.
Por outra banda, a Universidade de Vigo expuxo o estudo da avaliación do efecto do cambio climático nos recursos hídricos, a partir de todos os datos climáticos que xa recompilou.
Pola súa banda, a Universidade de Porto e a Axencia Portuguesa do Ambiente xa definiron o sistema de indicadores de seca prolongada e escaseza conxuntural a empregar nas unidades territoriais lusas e neste momento están a realizar a calibración dos mesmos.
Como traballos conxuntos, a APA e a CHMS, definiron a localización das novas estacións de control dos sistemas SAIH e SAICA en senllos territorios, que foron concretados xa a nivel de anteproxecto.
Todos os socios destacaron o elevado grao de coordinación e a necesidade de continuar coa cooperación transfronteiriza e a xestión das concas hidrográficas compartidas entre os dous países.
Desde o comezo do proxecto realizáronse dez reunións do Grupo de Traballo Conxunto, creado para a correcta realización do proxecto, ao que hai que unir os seminarios celebrados no ámbito do Convenio de Albufeira para a xestión dos recursos hídricos compartidos entre España e Portugal que este ano cumpriu o seu 20 aniversario.