
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS) está pendente de recibir do Concello de Ponferrada os terreos necesarios para a execución das obras incluídas no proxecto de “Senda fluvial na marxe dereita do Río Sil entre a Ponte do Ferrocarril e as Instalacións Deportivas de Flores do Sil en Ponferrada (León)”.
O Organismo de conca está, desde hai varios meses, en disposición de licitar as obras e á espera de que o Concello cumpra coa parte que lle corresponde.
Esta situación é coñecida pola alcaldesa de Ponferrada, Gloria Merayo, porque é un dos requirimentos que consta no Convenio de Colaboración asinado o pasado mes de xaneiro que, na sua Clausula Novena -Obrigacións e Facultades do Concello de Ponferrada- indica que é de obrigado cumprimento o “Poñer a disposición da Confederación Hidrográfica Miño-Sil os terreos precisos para a realización das obras, libres de cargas e gravames".
O presidente do Organismo de conca, Jose Antonio Quiroga, tamén puxo sobre a mesa este tema na reunión mantida coa alcaldesa, o pasado 13 de setembro, no Concello de Ponferrada.
“Desde a CHMS estamos en boa disposición para colaborar, dentro das nosas competencias, co resto de Administracións en calquera actuación que redunde na mellora da calidade de vida dos cidadáns e na conservación e mellora dos nosos leitos fluviais e solicitamos ao Concello de Ponferrada a máxima dilixencia nas xestións que lle competen” matizou o presidente.