O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente ( MAPAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), a Axencia Portuguesa do Ambiente –APA- e as Universidades de Vigo e do Porto, avanzan no proxecto de cooperación transfronteiriza – POCTEP– “ Risc Miño-Limia” cuxo obxectivo é mellorar o coñecemento das concas internacionais dos ríos Miño e Limia co ánimo de minimizar os efectos que se produzan por fenómenos extremos, de intensas choivas ou secas prolongadas, todo iso de acordo co principio de unidade de conca.
Para iso, estase traballando na cartografía de toda a rede hidrográfica da demarcación e as súas concas vertentes asociadas, que será fundamental para conseguir un inventario de recursos que teña en conta o efecto do cambio climático nas partes española e portuguesa da demarcación.
Tamén se avanzou na creación do novo sistema de indicadores e limiares para situacións de seca e de alerta temperá por inundacións, baseado en modelos hidrometeorológicos e hidráulicos de software libre, que ofrezan unha previsión de, polo menos, a 72 horas.
Por outra banda, os traballos conducentes á avaliación do efecto do cambio climático nos recursos hídricos, a Universidade de Vigo está a traballar cos correspondentes modelos a partir de todos os datos climáticos que xa recompilou.
En relación co proxecto de revisión do Plan Especial de Seca da parte española, finalizada a consulta pública o pasado 22 marzo, están a analizarse as propostas, observacións e suxestións formuladas ao mesmo, traballo que deberá de estar finalizado en xullo de 2018.
Pola súa banda, a Universidade de Porto e a Axencia Portuguesa do Ambiente xa definiron o sistema de indicadores de seca prolongada e escaseza conxuntural a empregar nas unidades territoriais lusas e neste momento están a realizar a calibración dos mesmos.
Como traballos conxuntos, a APA e a CHMS, definiron a localización das novas estacións de control dos sistemas SAIH e SAICA en senllos territorios, que foron concretados xa a nivel de anteproxecto.
“O conxunto de accións nas que estamos a traballar, permitirán avanzar na elaboración, para o ano 2021, dun plan hidrolóxico conxunto, único para todo o ámbito da demarcación internacional, que mellore os impactos e presións de conxunto e permitan adiantarnos aos episodios de intensas choivas ou prolongada seca” matizou o presidente da CHMS.
“Este proxecto supón un investimento moi importante en coñecemento, máis de 2,7 mill/€, en coordinación co país veciño Portugal” concluíu Francisco Marín.