O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. ( CHMS), Francisco Marín, convocou hoxe aos membros da Xunta de Goberno ( JG), do Comité de Autoridades Competentes ( CAC) e do Consello da auga da Demarcación ( CAD) á primeira reunión anual de órganos colexiados.
A CHMS, organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, informou en cada unha das reunións dos resultados do segundo informe de Desenvolvemento e Seguimento do plan hidrolóxico 2016-2021, aprobado en xaneiro de 2016.
Un informe no que se analizou a evolución dos recursos hídricos dispoñibles e a súa calidade, a evolución das demandas de auga, o grao de cumprimento dos réximes de caudais ecolóxicos, o estado das masas de auga e a aplicación dos Programas de Medidas, cuxo grao de execución supera o 30%, cun investimento xa finalizado de 138.744.996 €.
Tamén se presentou a todos os Órganos Colexiados o documento final do Plan Especial de Actuación ante Situacións de Alerta e Eventual Seca que permitirá a identificación e distinción dos fenómenos de seca e escaseza, a previsión de medidas conxunturais para mitigar os seus efectos e a organización de mecanismos institucionais para a activación e desactivación das medidas contidas no devandito Plan.
“No procedemento de revisión do Plan Especial de Seca, durante a fase posterior á Información Pública, foron contestadas 40 observacións a diferentes colectivos, asociacións, empresas e administracións públicas” explicou Francisco Marín.
XUNTA DE GOBERNO
O presidente do Organismo presentou, ademais, á Xunta de Goberno as contas de 2017 en exercicio da competencia atribuída a este órgano colexiado na Lei de Augas. Neste sentido, deuse conta da redución nun 91% da totalidade da débeda herdada no ano 2012, pasando de 60 millóns a 5,5 millóns en 2017.
“Por primeira vez a débeda viva da CHMS é inferior aos retornos comunitarios pendentes de recibir, pois a contía pendente de ingreso é de 15,3 M€, polo que, unha vez amortizada a totalidade da débeda, aínda haberá un remanente de 9,8 M€, polo que podemos dicir que a CHMS goza, a día de hoxe, de boa saúde financeira” explicou Francisco Marín.
Francisco Marín indicou que, segundo a Memoria Anual presentada á Xunta de Goberno, no relativo á xestión e control do dominio público hidráulico, durante o ano 2017 incrementouse o número de expedientes resoltos, que pasaron dos 3.592 en 2016 aos 4.010 en 2017, o que supuxo un incremento de case un 12%, o que supuxo un importante esforzo na tramitación para conseguir a redución dos tempos de espera das resolucións.
Por outra banda, tamén se deu conta á Xunta de Goberno da aprobación durante o ano 2017 de tres proxectos europeos POCTEP, ao amparo do Programa INTERREG V-A, de cooperación transfronteiriza, que no presente exercicio 2018 xa comezaron a executarse, trátase de Raia Termal, Risc Miño-Limia e Migramiño, por importes de 2,66 M/€, 2,7 M/€ e 2,5 M/€, respectivamente.
“O cambio substancial na xestión asegúranos a viabilidade financeira cunha programación de actuacións axustada á situación real da conca” concluíu Marín, presidente da CHMS.