A Confederación Miño-Sil e a Consellería do Medio Rural rubrican un Protocolo de colaboración que simplificará as autorizacións administrativas dos aproveitamentos forestais

La Confederación Miño-Sil y la Consellería de Medio Rural rubrican un Protocolo de colaboración que simplificará las autorizaciones administrativas de los aprovechamientos forestales

Non supoñerá custo económico algún ás partes e mediante a coordinación administrativa reduciranse notablemente os tempos de resposta ao cidadán

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación  Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), e a Xunta de Galicia, a través da Consellería  do Medio Rural,  asinaron un Protocolo que mellorará a coordinación administrativa respecto dos aproveitamentos forestais.

Tal e como consta en Protocolo asinado esta mañá polo presidente da  CHMS, Francisco Marín, e pola Conselleira  do Medio Rural, Ángeles Vázquez, estas actuacións de coordinación administrativa non supoñerán custo económico algún adicional para as partes, para o que se empregarán os medios materiais e humanos cos que contan ambas as Administracións.

O sector forestal ten especial peso e importancia en Galicia, xerando riqueza e postos de traballo en zonas rurais, nas que xera unha destacable actividade económica, polo que se estima oportuno facilitar os labores inherentes, sempre desde o respecto e exercicio das competencias que as Administracións Públicas implicadas teñen atribuídas.

Protocolo
Este Protocolo nace co obxectivo de axilizar os trámites das autorizacións para os aproveitamentos forestais en zona de policía; é dicir, a 95 metros contados a partir da finalización dos 5 metros da zona de servidume de canles públicas, lagos, lagoas e encoros na Demarcación  Hidrográfica do Miño-Sil; salvo que conten cun Instrumento de Ordenación aprobado pola Administración autonómica e informado favorablemente polo Organismo de conca.

Para iso e por vontade expresa do solicitante, a declaración responsable ou a solicitude de autorización única que estes presenten ante os  Servizos de Montes das respectivas  Xefaturas  Territoriais da Consellería  do Medio Rural, considerarase tamén solicitude de autorización dos traballos forestais ante a  CHMS co que se evitará realizar outra nova tramitación ante o Organismo de conca.

Pola súa banda, os Servizos de Montes remitirán as solicitudes de autorización única e as declaracións responsables presentadas aos servizos centrais da Comisaría de Auga da  CHMS, na que se tramitarán todas as solicitudes con independencia da provincia onde se presentaron. Ademais, remitirán á  CHMS os informes das visitas de campo que se realicen con ocasión dos controis e das inspeccións dos traballos. 

Ditada resolución polo Organismo de conca, notificarase persoalmente ao solicitante e comunicarase ao respectivo  Servizo de Montes.

Coa implementación dos mecanismos de coordinación entre ambas as administracións espérase reducir sensiblemente os tempos de resposta da  CHMS que na actualidade a normativa recolle nun máximo de 6 meses.

“A coordinación entre Administracións para mellorar o servizo ao cidadán é avanzar cara a un servizo público de calidade”, concluíu Francisco Marín, presidente da  CHMS.

24-04-18

Descargar PDF

 

 

 

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.