O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Francisco Marín, mantivo unha reunión co alcalde de Ourense, Jesús Vazquez, para avanzar en varios temas de interese para ambas as Administracións.
Durante o encontro de traballo acordaron que levarán a Pleno Municipal varios Convenios, o primeiro deles, posibilitará a execución do proxecto de mellora do saneamento de Velle, co que se procederá á substitución do sistema actual de fosas sépticas por un sistema que evite verteduras á canle do Miño, actuación demandada desde hai moitos anos polos veciños de Velle, e cuxo investimento ascende a 3 millóns de euros que será sufragado ao 50% entre ambas as Administracións.
Tamén levará a Pleno o Convenio para ampliar en 5 quilómetros o carreiro peonil que discorre pola marxe dereita do Miño entre Outariz e a N-120 en Ourense, investimento que ascenderá a 500.000 € e que se financiará ao 50% .
Por outra banda, e para continuar cos proxectos de mellora do Barbaña, levará a Pleno a firma do Convenio para a instalación dun tamiz automático que evitará a presenza de sólidos e flotantes que orixinan episodios de contaminación no aliviadoiro de Ponte Lebrona cuxo investimento total supera os 60.000 euros e que será sufragado, na súa totalidade, polo Organismo de conca.
O presidente do Organismo de conca informou o alcalde de que ao longo do mes de maio comezarán a traballar varias brigadas de limpeza de ríos na provincia de Ourense e que sería moi importante a colaboración e implicación veciñal; “ o gozar a diario das canles e os seus carreiros fai que sexan os propios veciños nosa mellor gardería fluvial e as súas suxestións serán de gran axuda ao labor que desempeña a Confederación Hidrográfica na mellora dos ríos da conca” explicou Francisco Marín; a este respecto, acordaron fixar un encontro cos colectivos veciñais para solicitar a súa colaboración.
“Esta cuestión xorde despois dunha reunión que mantiven con varios membros da directiva da Federación Limiar, a proposta destes, que, entre outros temas, comprometéronse a coordinar as solicitudes que poidan recibir dos seus asociados” matizou o presidente.